A Feira Galega das Artes Escénicas celebrará unha nova edición do 19 ao 23 de outubro, en diferentes espazos de Santiago de Compostela, cun cartel artístico integrado por un total de 20 espectáculos galegos de teatro e de danza e a asistencia de máis dun centenar de programadores, distribuidores e produtores do sector procedentes de toda Península.
Até o vindeiro día 31, continúa aberto o prazo de inscrición de profesionais para participar neste encontro que organiza a Consellería de Cultura e Turismo, ao tempo que se ultima o proceso de selección das compañías a través de dúas vías: obxectiva, en función dos niveis de distribución dos espectáculos na Rede Galega de Teatros e Auditorios, e artística, a cargo dunha comisión que está tendo en conta criterios de calidade, innovación e actualidade das propostas presentadas.
Esta nova edición da Feira Galega das Artes Escénicas, volverá incidir na súa condición de espazo de mercado para a compravenda de espectáculos producidos por compañías galegas, cara á súa exhibición durante 2010 tanto dentro como fóra da nosa Comunidade.
Neste sentido, a Agadic mantén o seu programa de bonificacións á contratación exterior, que este ano suporá un desconto do 40 por cento sobre o caché dos espectáculos ofertados no segundo semestre de 2009 da RGTA, do que poderán beneficiarse os teatros, auditorios, festivais, feiras e circuítos de exhibición non galegos con representación na Feira.
Ademais, o Auditorio de Galicia repetirá en 2009 como sede principal do encontro, trala positiva experiencia que na edición anterior significou a concentración nun mesmo espazo da oficina de coordinación, os stands de empresas do sector, un dos escenarios de exhibición, as mesas de debate e o restaurante.