Consellería de Cultura e Turismo destinará 4.350.000 euros a mellorar o camiño
francés de cara ao Xacobeo 2010. Así, o anunciou o conselleiro de Cultura e
Turismo, Roberto Varela. El, xunto co director xeral do Patrimonio
Cultural, José Manuel Rey Pichel e a secretaria xeral para o Turismo, Carmen
Pardo, reuníuse cos alcaldes da Mancomunidade de Concellos do Camiño
Francés.
Estes concellos son Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Samos, Sarria,
Paradela, Portomarín, Monterroso, Palas de Rei, Melide, Arzuá, O Pino e Santiago
de Compostela. Na reunión, o conselleiro informou aos alcaldes das actuacións
previstas para a súa posta en valor de cara ao Xacobeo 2010.
Así, o importe dos investimentos previstos no Plan Corrector e no Plan de
Restauración e Pota en Valor dos Camiños de Santiago nos espazos públicos,
carballeiras e patrimonio etnográfico ascenderá a un total de 4.350.000 de
euros.
Na primeira fase do Plan Corrector dos Camiños de Santiago, contémplanse
obras e reparacións no Camiño Francés por unha contía superior aos 3.400.000
euros. Doutra banda, o Plan de Restauración e Posta en Valor dos Camiños de
Santiago nos espazos públicos, carballeiras e patrimonio etnográfico contempla
unha inversión de 2.900.000 euros. A Consellería de Cultura e Turismo aportará
un total de 950.000 euros e traballa coa previsión de que o Ministerio de
Fomento destine ata o 75 por cento do investimento, a través do 1 por cento
cultural.
INTERVENCIÓNS SOBRE O CAMIÑO
Ademais, están previstas unha serie de accións e intervencións sobre o
trazado físico do Camiño Francés e sobre a súa sinalización. Así, colocaranse
200 elementos sinalizadores e, asemade, levaranse a cabo máis de 25
intervencións de mantemento e conservación, como roza, arranxo do firme,
colocación de pavimentos, creación de pasantes de auga ou plantación de árbores.
Para o Ano Santo do 2010, está tamém prevista a entrada en funcionamento dun
novo albergue no Camiño Francés. Será a Casa Grande de Lusío en Samos. Como
novidade, en todos os albergues instalaranse paneis informativos para os
peregrinos con información detallada sobre a senda e os elementos patrimoniais e
paisaxísticos de interese do seguinte tramo da ruta.