El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Sociedad

XACOBEO

O Comité Intenacional de Expertos do Camiño acorda a creación dun Centro de Investigación Xacobea

28-07-2009 20:52:29

Un dos compromisos principais adquiridos na reunión é o da creación dun Centro de Investigación Xacobea, que terá entre as súas finalidades poñer en marcha a recompilación da bibliografía "máis grande que poida existir ata agora no mundo sobre o Camiño Xacobeo". A sede destinada a este proxecto será a biblioteca da Cidade da Cultura, para facer dela "un organismo vivo", en palabras do conselleiro. Outra das iniciativas será a publicación dunha revista de carácter científico de nivel A, a cal levará o nome de 'Ad limina'.

Por último, "dentro do espírito da consellería de empregar as novas tecnoloxías", crearase unha base de datos en internet sobre a iconografía xacobea, a cal dirixirá Rosa Vázquez. O centro coordinará deste xeito a relación de todos os especialistas sobre o tema no mundo.

O comité fundouse no 1992 para a celebración do Xacobeo 93 e a reunión de expertos estivo nos últimos catro anos sen convocarse polo que "era imprescindible dentro das liñas xerais do Xacobeo 2010 volver contar coa súa presencia", segundo explicou o conselleiro. Varela destacou tamén que isto serve para "insistir no carácter internacional que queremos que teña a cultura en Galicia, de apertura cara o exterior". O comité que está formado por membros alemáns, italianos, franceses e españois, ten como labor principal a de fomentar e coordinar as accións que desenvolven as asociacións de amigos do Camiño que hai dispersas por Europa.

UN PROXECTO DE FUTURO

Paolo Caucci amosou a súa satisfacción sobre a nova formalización do comité de "gran nivel internacional", e logo de recordar ao falecido profesor Manuel Díaz y Díaz, salientou que no comité integráronse tres novos membros do "máximo nivel", entre os que se atopa o decano da Facultade de Historia, Fernando López Alsina.

Caucci quixo deixar claro que este non é un proxecto "efímero", que remate co Xacobeo 2010 senón que "durará no tempo e será permanente", e que se centrará en diversos actos nos vindeiros anos. O 2011 xirará sobre a consagración da Catedral de Santiago, no 2013 haberá o simbólico aniversario do descubrimento da tumba do Apóstolo Santiago ocorrida supostamente no 813; e no 2014 celebrarase a chegada de San Francisco a Santiago.

Na reunión falouse tamén das diferentes actividades que se levarán a cabo durante o próximo Ano Santo, como a exposición sobre Xelmírez que se celebrará en Roma, París e Santiago; ou o congreso 'El peregrino, los caminos y la meta', que ten vocación internacional e de unión entre Roma, Santiago e Xerusalén.

Xunto con isto, o xerente do Xacobeo, Ignacio Santos, expresou que este comité se atopa nunha fase de avaliación polo que non hai datas concretas para a súa constitución. Tras a elaboración dun plan de viabilidade, daranse a coñecer os prazos, aínda que se espera estea en marcha para o ano que vén.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias