El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Sociedad

RAG

Manuel Rivas convértese en membro electo da Real Academia Galega

31-07-2009 20:56:35

O Plenario da Real Academia Galega tivo unha reunión ordinaria, na que acordou nomear membro electo ao escritor e xornalista coruñés Manuel Rivas, que pasará a ocupar a vacante que se produciu tras o falecemento do académico numerario Camilo González Suárez-Llanos, orixinario do concello lugués de Sarria.

Manuel Rivas é licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid. Comezou a súa carreira como xornalista moito antes de licenciarse, aos 15 anos, como meritorio en 'El Ideal Gallego'. Foi colaborador en diversos medios de comunicación galegos, como 'El Ideal Gallego' ou 'La Voz de Galicia'. Tamén colaborou nas revistas 'Teima' e 'Man Común', desenvolveu unha sección fixa no semanario 'A Nosa Terra', e foi cofundador e director da revista cultural 'Luzes de Galiza'. Na actualidade, mantén unha columna semanal no xornal estatal 'El País', onde comezou como correspondente coruñés. Ademais, ten feito numerosas intervencións en medios de comunicacións audiovisuais.

UN ESCRITOR PARA TODOS OS XÉNEROS

No campo da creación literaria, deuse a coñecer como cofundador do grupo poético 'Loia' e na revista co mesmo nome apareceron as súas primeiras composicións poéticas en 1977. A partir de 1980, a obra literaria de Manolo Rivas introdúcese con audacia en todos os xéneros literarios, dende a poesía ata a novela, pasando polo relato curto o teatro, a novela infantil e xuvenil ou o xornalismo literario.

Moitas destas obras foron levadas ao cine, como 'A lingua das bolboretas', 'A rosa de pedra' ou 'O lapis do carpinteiro'. Ademais da súa recoñecida obra literaria, avalada por numerosos premios como o Torrente Ballester de Narrativa, o Premio Nacional de Narrativa, o Premio da Crítica Española ou o Premio da Crítica de Galicia; cómpre destacar o compromiso de Rivas coa lingua e cultura galega.

Proba súa proxección internacional é a tradución a vinte e un idiomas da súa obra narrativa 'O lapis do carpinteiro' ou as trece linguas nas que se pode ler 'Que me queres amor?' O seu último libro publicado foi o poemario cuadrilingüe 'A desaparición da neve'.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias