Avoga por "sacar fortaleza das debilidades" pese a que "en Galicia non hai ningunha boa noticia". Sobre o decreto do galego, é rotundo: é un compromiso electoral e a derrogación "non ten volta atrás". Alberto Núñez Feijóo cumpriu os seus 100 primeiros días á fronte do Goberno galego e defende a súa xestión a capa e espada. "Creo honradamente que en 100 días pódense facer mellor as cousas, pero máis...", asevera, aínda que recoñece que algúns compromisos, como o plan de infraestruturas ou a revisión do decreto eólico "se deslizan ata agosto".
- Ser presidente da Xunta é máis esgotador do que pensaba?
- Ser presidente da Xunta de Galicia é a maior honra que pode ter un galego. É traballar e estar 24 horas a disposición de Galicia. Ó que non lle guste que non se presente. A min gústame. Non vou ocultar que me ocupa moitísimo a situación económica do país, pero xa pasei da fase da preocupación por esos temas á fase da ocupación.
- Tras o verán hai que perfilar os orzamentos do 2010. Con que perspectivas se preparan?
- Temos un problema. Estamos sendo advertidos polo Goberno da caída brusca dos ingresos e, polo tanto, da caída brusca das posibilidades de ter un presuposto de incremento en 2010. Levamos tres anos seguidos cunha baixada de ingresos do Estado que prexudica claramente ós presupostos das comunidades autónomas.
- Aínda que a conselleira de Facenda afirmou que ela non é partidaria, estudan a posibilidade de incorrer en déficit?
- Do que nós eramos partidarios era de que o Goberno de España establecera unha folla de ruta para saír da recesión económica, porque de momento a única que ten é o déficit. O Estado gastou o dobre do que ingresou e esa só é unha folla de ruta para afondar na crise. O déficit para investimentos é unha cuestión opinable que non se debe de satanizar nun momento de recesión, pero o déficit do gasto corrente para o aparato burocrático e administrativo é moi mala decisión económica. Condiciona moitísimo as políticas autonómicas, porque cando a política económica estatal está mal orientada é moi difícil orientar unha política económica desde unha comunidade autónoma.
- Antes de tomar posesión como presidente confiaba en non atopar moitas «sorpresas desagradables» en San Caetano. Deixando aparte os famosos ‘buratos’, foi así?
- Si atopamos algunhas cuestións, pero despois das primeiras semanas hai que mirar para diante. A situación económica fai que nos centremos nos problemas que hai cada mañá enriba da mesa: non hai ningunha boa noticia en Galicia.
- Nese contexto económico, os cambios previstos, por exemplo coas galescolas, non xeran gastos que van en contra da política de austeridade que pregonan?
- Non imos cambiar nada de roupas nin de mandilóns con bandeiriñas; imos manter os soportes das galescolas como están e o único que imos poñer é ‘escola infantil’ onde pon galescola. Punto. Nada máis. Iso está medido e ten un custo inferior a unha das telas que se poñían nos edificios cando ía alí un representante do goberno anterior simplemente para decir que se estaba facendo algo.
- Vostede dixo que a alta participación na consulta ós pais sobre o galego revelaba a súa aceptación. Cre que un 57% é realmente unha alta participación?
- Home, é unha participación moi similar a moitas contendas electorais. Non está mal, máis ou menos como o Estatut de Cataluña.
- Seguirán adiante coa derrogación do decreto?
- Nós plantexamos a cooficialidade das linguas e o que está no Estatuto. Non hai que terlle medo á liberdade, por que a xente non vai opinar? Aprioristicamente, non teño nada máis que cumprir o Estatuto, a Constitución, e todo isto interpretalo no contexto da opinión dos pais. Eu estou aberto a todas as posibilidades, sempre que sexan legais, por suposto que si.
- A oposición acúsaos de tentar adiar un problema do que non saben como saír.
- A derrogación do decreto non ten marcha atrás. É un compromiso electoral refrendado nas urnas, e nos pobos democráticos os únicos que mandan son as urnas. Teño un compromiso e o vou cumprir. O que si me gustaría, e para iso facemos a enquisa, é acertar.
- Pero antes afirmaba estar aberto a todas as posibilidades...
- Referiame ó feito de se estamos abertos a que no novo decreto haxa unha política similar á anterior. A derrogación é unha cuestión clara: unha das razóns polas que se votou ao PP, unha delas, é porque no ámbito da lingua nos comprometimos a enquisa e derrogación do decreto.
- Continuarán a facer este tipo deconsultas sobre outros temas?
- Se hai algunha cuestión na que creamos que haxa que facelo, por que non? Nós temos interlocucións permanentes coas organizacións sindicais, empresariais, asociacións... Cando non temos unha representación lexítima dos 333.000 pais con fillos en idade escolar, preguntámoslles.
- De darse una vitoria electoral do PP a nivel estatal, cambiarase o modelo de financiamento autonómico?
- Sería unha boa noticia que dentro de dous anos se modificase un acordo entre a Generalitat e o Goberno de España ó que se adheriron as comunidades do PSOE por disciplina de voto.
- E no caso das gobernadas polo PP, non houbo esa disciplina que si lle achacan ás do PSOE?
- Non, nós decidimos absternos porque incrementamos en 200 millóns a cifra que me dera Zapatero. Non vou negar que é unha cifra importante.
- Continuará o pacto subscrito con Castela e León?
- Creo que si, xa que é bo que o noroeste poida falar cunha soa voz e seguir plantexando de forma intelixente e coordinada a súa visión do Estado.
- Está Galicia preparada no caso de que mudase o tempo e houbese unha vaga de lumes forestais?
- Desde que chegamos incrementamos as axudas para a retirada da madeira e o gasto en brigadas. O monte, neste momento, está nunha situación de gravidade desde o punto de vista de perigo de incendios. Sen dúbida. Non aceptalo non sería razoable.
- Querería este goberno ser o impulsor dunha fusión de caixas como o foi un Executivo anterior do PP coas do sur de Galicia?
- Hai movementos noutras comunidades autónomas que o que fan é sumar caixas pequenas, e esas xa están sumadas en Galicia. Agora estamos falando de dúas entidades, as dúas importantes. Polo tanto, o mellor que se pode facer agora é traballar moito e falar pouco; e iso é o que vou a facer polo menos durante todo o outono.
- Este outono tamén terán lugar os congresos provinciais do PPdeG. Veremos a fin da era Baltar?
- Os congresos no PP soamente teñen un gañador, o que ten máis votos. Baltar manifestou nalgunhas ocasións a súa vontade de pasar páxina, pero non volvemos falar diso. A decisión indelegable de presentarse ou non é súa. Se se presenta, sométese ó veredicto das urnas.