A Coruña concerterase esta semana nun cómic, grazas a 'Viñetas desde o Atlántico'. Hoxe arranca o salón do cómic herculino, cunha das súas edicións máis heterodoxas, que acolle dende a obra dos autores clásicos da escena francesa ata os debuxantes máis rompedores.
Entre todas as actividades propostas, destaca a exposición dedicada aos guionistas norteamericanos, que recolle 120 orixinais procedentes da colección dun coleccionista privado. Esta mostra recolle a evolución da banda deseñada norteamericana, dende os clásicos dos 50 ata a década dos 90, todo visto dende a óptica dos guionistas. Tamén sobresae unha retrospectiva de todos os carteis das anteriores edicións.
Por suposto, tamén haberá numerosas exposicións a nivel individual, como a de André Juilliard, un dos artistas máis prometedores da escena francesa actual, os orixinais do traballo para os Estados Unidos de Alex Cal, así como os traballos do autor do detective Sam Pezzo Vittorio Giardino, o debuxante Enrique V. Vegas, ou unhas das grandes sensacións da temporada, Posy Simmonds. Asemade, poderase contemplar unha mostra da obra de Scott McCloud, outra da galega Emma Ríos, que prepara unha serie para Marvel; e outra de Mariano Casas, Premio Castelao de Banda Deseñada.
CÓMICS FEITOS CONFERENCIAS
Alén das exposicións, a partir de mañá impartirase un ciclo de charlas e conferencias, moitas delas protagonizadas tamén polos propios artistas, como Emma Ríos, Álex Casal, Enrique Vegas, José Fonollosa, André Juilliard, Pasqual Ferry, Vittorio Giardino, Paco Roca ou Posy Simmonds.
O encargado de pechar o ciclo será Scott McCloud. Como complemento, mañá, o comsario e dono da mostra en torno aos guionistas norteamericanos, Jaume Vaquer, fará unha guisita guiada pola exposición. Por suposto, os que aínda conten con forzaspoderán dar unha voltiña pola feira. Instalada nos xardíns de Méndez Núñez, acolle máis de 40 postos de librarías especializadas, que tamén desenvolverán actividades especiais para tan sinaladas datas, como presentacións editoriais.
ESCAPARATE DE NOVIDADES
E é que 'Viñetas desde o Atlántico' é a mellor escaparate para que as editoriais galegas presenten as súas novidades. Así, El Patito Editorial lanza en castelán e mais en galego 'Hexed' de Emma Ríos, que está convidada ao festival e verá así compilado nun só tomo o seu debut americano.
Cerditos de Guinea, selo coruñés que ata a data se tiña desenvolvido exclusivamente como un proxecto de autoedición de David Prieto 'Gochi', pásase á publicación de obras alleas, sacando en galego 'Os cinco loitadores' e 'Gárgolas', títulos procedentes do mercado francófono.
A pontevedresa Faktoría K de Libros publica este verán unha soa novidade, a obra didáctica 'Como facer un cómic'. Por último, a asociación Polaqia saca mañá á venda tres cómics novos 'Barsowia nº14', 'Sketchbook nº3' e 'Habitación 13".