A Consellería de Cultura e Turísmo e a Fundación Illa de San Simón veñen de poñer en marcha un programa de visitas guiadas á Illa de San Simón, que comezará o sábado 15 de agosto e se desenvolverá durante a segunda quincena deste mes e as fins de setembro, posibilitando a visita de máis de 7.000 persoas a este sitio histórico declarado Ben de Interese Cultural.
Este programa, que se inicia na vindeira fin de semana, da continuidade á programación de primavera que xa se desenvolveu na illa durante os meses de maio e xuño, coa realización de visitas ao sitio histórico e actuacións musicais do programa 'Espazos Sonoros'. Durante este período de actividade a Illa de San Simón rexistrou máis de 5.000 visitas.
As reservas de praza para participar no programa de visitas guiadas poderanse efectuar a partir do mércores 11 de agosto a través da central de reservas da páxina web da Fundación ou por teléfono. As saídas dos barcos efectuaranse dende os portos de Cesantes-Redondela ou San Adrián de Cobres, en Vilaboa, en función das posibilidades da marea. Toda a información sobre as quendas de visita, os horarios e portos de saída estarán disponibles a través da páxina web da Fundación.
A través deste programa gratuito, as persoas interesadas poderán participar en percorridos guiados polo recinto, realizar visitas autoguiadas e visitar se o desexan o Centro de Interpretación das illas e o resto das exposicións existentes. As visitas guiadas, de aproximadamente unha hora de duración, abordan a historia da illa, a función do conxunto e das edificacións en cada período e os valores culturais e naturais presentes nestas illas e na enseada de San Simón.
Surante o mes de setembro, ademais de realizarse visitas guiadas á San Simón, efectuaranse percorridos marítimos pola enseada, co obxecto de divulgar os valores naturais deste espazo protexido e dar a coñecer os recursos e o patrimonio deste importante espazo mariño e costeiro.