Esta mañá presentouse en Compostela o 32º Congreso Internacional de IBBY, 'International Board on Books for Young People', o encontro máis importante a nivel mundial dos que se celebran en torno ao libro infantil e xuvenil. A vindeira edición celebrarase en Santiago do 8 ao 12 de setembro do 2010, coa presenza de máis de 1.000 congresistas de 82 nacionalidades.
A capital galega foi escollida como sede polo comité executivo do IBBY, fronte a candidaturas de cidades como Amsterdam e París. Todas as sesións celebraranse no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia e en diversos puntos da cidade, como prazas ou xardíns. A cita contará coa presidencia de honra da Súa Maxestade a Raíña Sofía.
Durante o congreso compostelán, que ten como lema 'A forza das minorías', organizaranse mesas redondas, encontros profesionais, obradoiros, recitais poéticos, contacontos, concertos, visitas guiadas ou exposicións, entre outras actividades. Ademais, no marco deste foro, entregaranse as Medallas Hans Christian Andersen, condideradas os Premios Nobel da literatura infantil. É a primeira vez que estes galardóns se entregan en Galicia.
AS LETRAS DAS MINORÍAS
Esta mañá en Santiago, a presidenta da Organización Española para el Libro Infantil, María Jesús Gil, destacou que o obxectivo primordial é "intentar un mundo mejor a través de los buenos libros". Asimesmo, subliñou a sorte que supón poder celebralo en Santiago, xa que "los congresistas disfrutarán de la belleza de la ciudad y de Galicia".
Pola súa banda, o comisario do congreso, Xosé A. Neira Cruz, sinalou que "para Santiago e a literatura galega albergar un IBBY era un soño" e destacou as posibilidades que isto ofrece para a promocionar a nosa literatura infantil e xuvenil de cara ao exterior.
Neste senso, Neira asegurou que a literatura infantil galega se a atopa no "mellor momento da súa historia" e que conta con "posibilidades inusitadas", que se van ver ampliadas neste foro, xa que "vai referendar e dar carta de internacionalidade ao noso traballo". Nesta liña, Neira matizou que "traballamos dende a minoría a prol da excelencia" e que a celebración dun congreso sobre as minorías en pleno século XXI é "ademais dun desafío, unha necesidade".
2010, ANO DECISIVO PARA GALICIA
O encargado de pechar o acto foi o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, quen afirmou que o 2010 é un "ano decisivo para Galicia", xa que coinciden nel o Xacobeo e o Ano da Lectura. Así, destacou o "indiscutible reto" que supón a celebración dun evento destas características.
Asemade, Varela asegurou que o feito de que a candidatura compostelana teña sido elexida fronte a outras cidades da importancia de París ou Amsterdam demostra "a universalidade do noso país e o noso prestixio no exterior". Así, amosou o seu convencemento de que este evento "fará de Galicia unha célula de universalidade", grazas á "capacidade, vigor, calidade e proxección" da literatura infantil da comunidade.
CENTRO INTERNACIONAL DA DIVERSIDADE CULTURAL
Unha das principais consecuencias da celebración do 32º Congreso Internacional de IBBY é a creación do Centro Internacional da Diversidade Cultural, que se situará na Biblioteca da Cidade da Cultura, xa en funcionamento. A súa finalidade, ademais da organización deste evento, é o desenvolvemento de actividades en torno ao mundo do libro e a elaboración dun fondo bibliográfico e documental sobre as diferentes literaturas infantís e xuvenís.
Ao respecto, Neira Cruz sinalou que será unha "entidade promotora da diversidade cultural" e que non se centratará só no libro, senón que "tenderá pontes cara outras realidades artísticas". No seu afán internacionalizador, este centro contará co apoio da Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos, a mellor dotada do mundo, e coa Biblioteca Internacional da Xuventude de Munich, a máis importante no seu eido.
O conselleiro de Cultura afirmou que o feito de que este centro se sitúe na Cidade da Cultura convírteo nun "proxecto moi ilusionante" e amosouse convencido de que chegará a ser un "lugar de indiscutible presencia na literatura mundial".
Deste xeito, asegurou que a creación deste centro casa coa finalidade da Cidade da Cultura de "contribuir a reforzar o lugar de Galicia no mundo". Preguntado por se o retraso na finalización da Cidade da Cultura afectará dalgún xeito á organización do Congreso, Varela recordou que a Biblioteca "xa está funcionando".