El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

CAMIÑO SANTIAGO

O Xacobeo 2010 invadirá a Gran Vía madrileña cun chamativo reclamo de luz

10-09-2009 20:47:06

  O Xacobeo 2010 inundará na noite do 19 de setembro a histórica Gran Vía de Madrid, arteria principal da capital, iluminando os paseos dos milleiros de peóns que se achegarán aos puntos informativos sobre Galicia e o Camiño de Santiago que acompañarán esta iniciativa. O evento englóbase na proposta madrileña 'La Noche en Blanco', baixo o nome de 'Un camiño de luz'.

Esta iniciativa basea a súa esencia na mestura de teatro, música, luz e cine. O Xacobeo instalará lonas publicitarias co seu logo en cada unha das 15 torres de luz de dez metros de altura que estarán ao longo da rúa madrileña e que serán visibles dende calquera punto desta vía. As torres situaranse no medio da beirarrúa e iluminarán ambos lados da rúa cuns focos móbiles que cambian de cor e de intensidade progresivamente, seguindo unha estudada coreografía de luces.

Os viandantes poderán achegarse a Galicia, ao Camiño de Santiago e ao vindeiro Ano Santo 2010 mediante catro stands promocionais que estarán localizados nos puntos máis transitados da Gran Vía e nos que se repartirá información turística. Estes puntos foron elixidos pola afluencia de xente e amplitude de espazo, para recoller o máximo número de persoas posible. Os sitios elexidos son Alcalá, a Red de San Luis, Callao e Praza de España.

Cómpre ter en conta que se cortará o tráfico do centro da capital. Asimesmo, este ano, ademais de cortar a Gran Vía ao tráfico, apagarase a iluminación habitual da rúa para ser substituída por unha intervención luminosa que cambiará completamente a percepción habitual da rúa.

A dirección artística desta acción correrá a cargo do comisario invitado Rafael Doctor e a produción levarase a cabo a través dunha colaboración entre o iluminador Óscar Vázquez e o Concello de Madrid.

Óscar Vázquez xa ten realizado proxectos de peso con elementos de iluminación en diferentes espectáculos para o Círculo de Belas Artes de Madrid, o Festival Greenpace, o Festival SOS 4.8 e escenarios para grupos musicais como Estrela e Enrique Morente, Sunday Drivers, ou Lagartija Nick.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias