A Televisión de Galicia presentou na súa sede principal en San Marcos a súa nova programación para este outono. Segundo sinalou a directora da canle pública, Rosa Vilas, a nova grella está deseñada dende unha "aposta indiscutible polos contidos informativos" e cun 'prime time' gobernado polas producións galegas.
De feito, o 50 por cento dos contidos da canle corresponderán á producción propia e un 20 por cento a maiores á producción de empresas galegas. Deste xeito, o obxectivo é, segundo subliñou Vilas, "aproveitar os recursos propios, sacándolles o máximo rendemento".
Estes cambios iranse trasladando paulatinamente á segunda canle do grupo, segundo explicou o director de programas, Fernado Madriñán. O obxectivo é, tal e como sinalou, dotar á grella da G2 dunha "unidade maior" e darlle cabida a contidos que quedan fora da programación das canles xeralistas.
UNS INFORMATIVOS FORTES
Así, a TVG ofrecerá de luns a venres sete horas diarias ininterrompidas de actualidade. A mañá arrancará ás oito co renovado 'Bos días', que Vilas definiu como unha "ventá aberta á actualidade, cunha morea de apostas distintas cada día". O programa estará dirixido e conducido por Carlos Fernández Amado, ao que acompañarán Marta Darriba e Xaime Arias. Ademais, Laura Casares e Xesús Peleteiro transmitiranlle á audiencia os contidos máis informais.
O plantel de informativos verase fondamente renovado, con caras como Alberto Mancebo, Lorena Posse, Almudena R. de Urzaiz, Francisco López Iglesias, Irene Lourido, Alfonso Hermida, Ana Pérez, Alfonso Pérez ou Marga Pazos, entre moitos outros.
As novidades neste campo chegarán da man de 'Foro Aberto' e 'Reporteiros'. O primeiro será o encargado de subtituír na grella a 'Hai debate'. Segundo o seu director, Tino Santiago, a diferencia estará en que se tratarán máis temas sociais e menos política. Estará presentado por Carlos Luís Rodríguez.
No tocante a 'Reporteiros', dirixido por Manuel Maceiras e presentado por Encina Ramos, tentará dar cabida a asuntos que normalmente non poden ser tratados en profundidade nos espazos informativos diarios. O seu equipo xa está traballando en temas como o furtivismo, a saturación dos xulgados ou a Gripe A.
18 ANOS APAGANDO O CANDIL
Entre os programas xa consolidados que retornan este outono están todos os espazos culturais: 'Miraxes', 'Planeta Cine', 'Libro Aberto', 'Onda Curta' e 'Sempre Clásica'. Tamén se recuperarán 'Botarse ao monte', 'Larpeiros', 'De viaxe', 'Criaturas', 'Alalá', 'Vivir aquí' e 'Doa a Doa'.
E, por suposto, volve un "renovadísimo" Luar, pero co mesmo espíritu que se mantén dende hai dezaoito temporadas. Entre as novidades, estarán a colaboración de persoalidades galegas como Martiño Rivas ou Paula Vázquez, un cásting mensual de novos valores ou un espazo solidario apadriñado por famosos.
UN 'PRIME TIME' Á GALEGA
O 'prime time' seguirá sendo territorio da ficción galega, entre series novas e producións xa consolidadas. A principal novidade neste eido será 'O Nordés', unha producción de 13 capítulos inspirada na redacción dun xornal e que se emitirá os xoves. Os domingos desembarcará 'Gondar', ambientada nun grupo de investigadores dun laboratorio de biotecnoloxía.
En canto aos veteráns, os domingos será a vez da decimocuarta temporada de 'Libro de Famila', que chegará con novos personaxes. Os luns voltará a serie máis vista da comunidade, 'Padre Casares', que pechou a pasada temporada cunha audiencia media por riba do 28 por cento. Tamén volverá o thriller policial 'Matalobos', inspirado no mundo do narcotráfico.
Pero non só de ficción viven as noites da Galega. Os sábados emitirase o programa 'A miña famosa familia', no que cidadáns normais farán un percorrido pola súa árbore xenealóxica, até descubrir que están emparentados con personaxes famosos. O programa conta coa colaboración de Xusto Beramendi, Premio Nacional de Ensaio.
Os martes tocaralle a 'Made in Galicia', no que inmigrantes residentes en Galicia aprenderán un oficio tradicional dun artesán galego. O prazo forte resérvase para outubro, cando Roberto Vilar levará ás noites do sábado o seu 'Land Rober', un programa de actualidade en clave de humor.
O outro protagonista do 'prime time' será a Champions League, emitida por primeira vez pola TVG, en exclusiva e en aberto. Os partidos acompañaranse do programa 'Zona Champions', a cargo de Terio Carrera. A estrea será este mércores por todo alto, co partido entre o Inter e o Barça. Por último, as sobremesas contarán cun acento latinoamericano, da man da telenovela mexicana 'Coidado co anxo', vendida en máis de trinta países.