Centro Galego de Artes da Imaxe comeza hoxe o ciclo '57 Edición Festival Amigos de la Ópera', coa proxección de 'Adiós a mí concubina' de Chen Kaige. En colaboración co Festival de Ópera celebrado na cidade da Coruña, que chega xa á súa 57 edición, proxectaranse catro películas representativas da relación entre o cine e a ópera. A entrada a todas as sesións é gratuíta.
A primeira película proxectada será 'Adios a mi concubina'. A vida de dous actores da Ópera de Pequín permite reconstruír cincuenta anos de histoira do xigante asiático, desde os anos 20 ata os anos 70, con episodios como a invasión xaponesa e a propia creación da República Popular de China. Trátase dun dos filmes asiáticos máis aclamados no seu momento, capaz de obter a Palma de Ouro e o premio Fiperesci en Cannes, o Globo de Ouro, o Bafta e dous nomeamentos ao Óscar.
DIÁLOGO ENTRE CINE E ÓPERA
O martes será a vez de 'Gayarre', de Domingo Viladomat. É unha aproximación á vida do gran tenor español Julián Gayarre. Relato biográfico e musical que se desvía da produción cinematográfica maioritaria da súa época, brindándolle a Alfredo Kraus unha das súas escasas oportunidades fílmicas. A película conta con 15 temas a cargo do propio Kraus.
O mércores proxectarase a británica 'Aria', película colectiva gravada por dez recoñecidos directores, como Robert Altman ou Jean-Luc Godard. A cinta está formada por pequenas pezas sobre arias de óperas de compositores míticos, desde Verdi ou Wagner a Puccini.
Por último, o luns 21 chegará á Coruña 'Don Giovanni', de Joshep Losey. Esta coprodución italo francesa ambiéntase na Venecia do século XVIII. Don Giovanni é un seductor sen escrúpulos que atrae sobre el o odio e o desexo de vinganza de poderosos inimigos, aínda que el mesmo non o descobre ata que xa é demasiado tarde. A cinta acadou os Premios César e David di Donatello e conta con intervencións dos cantantes José Van Dam e Teresa Berganza.