O galego Domingo Villar foi elixido como finalista dos premios anuais do Gremio de Libreiros de Madrid, pola versión en castelán do seu libro 'A praia dos afogados'. O gañador definitivo coñecerase o vindeiro día 20 de outubro.
Esta semana, o xurado destes galardóns reuniuse para seleccionar aos candidatos finais para o 'Premio Libro del Año', de entre todos os presentados polas diferentes librarías da cidade. O libro de Villar terá que competir con outros catro finalistas: 'Anatomía de un instante' de Javier Cercas, 'Saber perder' de David Trueba, 'Mañana no será lo que Dios quiera' de Luis García Montero e 'El Pentateuco de Isaac' de Ángel Wagenstein.
UN BESTSELLER Á GALEGA
O vigués Domingo Villar vive dende hai anos en Madrid, onde traballa como guionista de cine e televisión. Tamén é crítico gastronómico na radio e colabora con diversas publicacións. A súa primeira novela foi o thriller policiaco 'Ollos de agua', aclamado por crítica e público e convertido no libro en galego máis vendido até ese momento.
'A praia dos afogados' parte dun descubrimento estarrecedor. Unha mañá, o cadáver dun mariñeiro é arrastrado pola marea ata unha praia da vila de Panxón, na ría de Vigo. Sen testemuñas nin rastro da embarcación do finado, o lacónico inspector Leo Caldas mergúllase no ambiente mariñeiro para tratar de clarexar o crime.