Esta semana apareceu, nos arquivos da Banda Municipal de Santiago, a partitura orixinal do 'Himno Oficial da Exposición Rexional Galega de 1909', unha obra do músico compostelán e mestre de capela da Catedral Santiago Tafall Abad, da que se tiña coñecemento pero que se atopaba perdida.
Encontrouna o actual director da Banda Municipal, Xosé Carlos Serán Olveira, e agora está a preparar unha interpretación da peza dentro do 'Concerto do Centenario da Expo', que posiblemente coincida coa clausura da mostra fotográfica relacionada co centenario de esta celebración e que até o 18 de outubro se pode ver no Pazo de Fonseca.
O 'Himno Oficial da Exposición Rexional' interpretouse por vez primeira no Salón de Actos do Pavillón Central da mesma, na tarde do 24 de xullo de 1909, día da inauguración do certame, e diante do rei Alfonso XIII e do presidente do Goberno de España, Antonio Maura.
É moi probable que, dende a clausura da Expo, non se volvese interpretar máis. Para o comisario da mostra fotográfica 'Santiago, 1909', Quique Alvarellos, este achádego é "unha feliz descuberta" e "será unha celebración máis para o centenario".