El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

MÚSICA

Galicia exporta a Brasil o exitoso espectáculo musical "Cantos na Maré"

23-09-2009 19:12:23

O teatro brasileño José de Alencar de Fortaleza acollerá o próximo día 29 de setembro o espectáculo musical "Cantos na Maré", creado por Nordesía no 2003 e que dende aquela se celebrou con éxito cada decembro en Pontevedra. Na súa edición brasileira, conserva a dirección artística de Uxía, creadora do formato orixinal, quen compartirá a experiencia co artista local Cacau Brasil. A dirección musical será responsabilidade de Paulo Borges, como vén sendo habitual, quen traballará man a man con Paulo Rafael.

Compartirán escenario con Uxía e Paulo Borges, ademais de Cacau Brasil, o guitarrista Tito París, de Cabo Verde; o cantante Tonecas, de San Tomé e Príncipe; José Amaral, do Timor Leste; o compositor e guitarrista Manecas Costa, de Guinea Bissau; o cantante Paulo Flores, de Angola; a orquestra Timbila Muzimba, de Mozambique; e a fadista Raquel Tavares, de Portugal.

O show será o resultado dun intenso intercambio cultural entre os músicos, que comezaron o pasado luns a súa convivencia artística. Xuntos, presentarán un repertorio que abranguerá os diferentes ritmos e sons de cada país, ademais de presentar novas composicións, creadas especialmente para celebrar este encontro único.

Esta edición de "Cantos na Maré" enmárcase no V Encontro Empresarial de Negocios na Lingua Portuguesa, que reúne a 1800 empresarios da Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa. O espectáculo será gravado, co apoio do Goberno do Estado do Ceara, nun CD promocional, con imaxes dos mellores momentos do show.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias