Tres espectáculos de teatro contemporáneo achegarán este outono aos usuarios dos centros socioculturais composteláns e a todos os cidadáns interesados ás novas linguaxes escénicas, na segunda edición do Obradoiro do Espectador.
O programa parte do convenio que a Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais de Santiago mantén coa Sala Nasa e ten o obxectivo de achegar o público menos familiarizado ás artes escénicas contemporáneas. Con esta fin, a actividade estrutúrase arredor de tres espectáculos escénicos, aos que precede unha sesión de preparación e que conclúen cun coloquio cos creadores.
'Testosterona', da propia compañía residente da Sala Nasa será o primeiro destes espectáculos, o día dezaseis de outubro. O martes anterior, no Ensanche, celebrarase a sesión previa de adestramento. En novembro, o día seis, será 'Memoria del jardín', unha proposta da compañía madrileña Magrinyana, a representación á que asistirán os integrantes do obradoiro, despois de ter asistido tres días antes á sesión de contextualización en Vite.
Por último, o cinco de decembro chegará 'Aviadoras', circo aéreo da compañía Duelirium, á que precederá o día un a explicación teórica en Fontiñas. Os tres espectáculos e os correspondentes coloquios cos creadores terán lugar na Sala Nasa.
A inscrición estará aberta desde o próximo luns 28 ata un día antes da celebración de cada obradoiro, e pode realizarse tanto nos centros socioculturais como na propia Sala Nasa.