O verán xa rematou e con el os múltiples festivais musicais ao aire libre. Que mellor que unha boa película para pasar as frías tardes do outono. Deste xeito, outubro reúne dúas das citas máis importantes do ano: o Amal e o Festival de Cine Internacional de Ourense.
A primeira en botar a andar será a cita ourensá, do dez ao dezasete. Coma todos os anos, e xa van catorce, a cidade das Burgas encherase das mellores producións independentes galegas, europeas e latinoamericanas, principalmente. Máis de 80 países ofrecerán os seus productos audiovisuais máis innovadores. Así, estarán presentes Portugal, Holanda, Croacia, Romanía, Uruguai, Hungría, Xapón, China, Acerbaixán, Dinamarca, Chile, México, Arxentina, Francia, Bélxica, Letonia, Nova Celandia ou Irán, entre moitos outros.
Os galardóns premiarán as mellores longametraxes de ficción, documentais, curtas de ficción, películas de animación e novos media. Asemade, todos os gañadores recibirán unha estatuíña representativa do festival, que lles será entregada na cerimonia de clausura. O obxectivo primordial deste certame é tratar os temas sociais máis controvertidos dende ópticas distintas. Deste xeito, veremos desfilar polos fotogramas asuntos como o amor, as relacións familiares, o mundo homosexual, a muller, a diversidade, a emigración...
Como novidade, celebrarase o I Certame OUFF Escola, co obxecto de fomentar o galego e a creatividade entre os escolares. Como complemento, editarase un DVD cos traballos gañadores, que viaxará polos centros escolares de toda Galicia.
PONTE CO MUNDO ÁRABE
Por outra banda, a capital galega porá o toque exótico, coa sétima edición do Festival internacional de Cine Euro-Árabe, Amal, que comezará o día 23 e rematará o 31. Trátase da única cita europea que achega a cultura árabe ao continente europeo.
Entre os nominados, repartiranse 248.000 euros, repartidos en sete premios: á mellor longametraxe, ao mellor documental, á mellor curtametraxe de ficción, á mellor curta documental, ao mellor director, o Premio Televisión de Galicia e o Premio do Público, outorgado por votación popular. Asimesmo, a mellor actriz e o mellor actor recibirán uns trofeos e as longametraxes premiadas emitiranse na Galega.
Mais non so de cine vive o Amal. Alén das proxeccións, haberá actividades paralelas, como exposicións, concertos ou unha semana gastronómica, cos pratos máis esquisitos da gastronomía árabe. Nesta edición, haberá ademais dúas novidades.
A primeira será un ciclo coas producións máis destacadas da idade de ouro do cine exipcio e a segunda unhas xornadas de proxección de poducións infantís. A actividade, dirixida aos colexios, desenvolverase entre o 26 e o 30 e poderán verse traballos como 'My Simple Story' ou 'Hiyab'. A cuestión e deixarse engaiolar polo sétimo arte.