A subdirectora xeral de Planificación Lingüística, Cristina Rubal; o director de Rodeira Edicións, Alfonso García Sanmartín; e a concelleira de Normalización Lingüística de Compostela, Guadalupe Rodríguez; presentaron esta mañá a campaña 'Contos para falar' integrada no programa Bocaberta que busca que "os nenos relacionen o uso do galego con actividades agradables e participativas" segundo explicou a concelleira.
Esta actividade que xa recorreu decenas de poboacións galegas chega agora ata Santiago onde ofrecerá o seu espectáculo desde mañá ata o vindeiro 16 de outubro na Casa das Asociacións de Cornes. Guadalupe Rodríguez resaltou a grande demanda existente na cidade onde non foi posible atender a todas as peticións.
'Contos para falar' fai unha narración musical a través dun amalgama de curtas, cancións e contos, onde haberá unha montaxe narrativa chamada 'A fantástica viaxe de Patri'. A proposta está dividida en tres franxas diferentes segundo a idade: de tres a seis anos, de seis a nove anos, e unha representación sobre a Odisea para os maiores. As funcións complétanse coa achega de materiais para os nenos consistente en libros e un cd.
'BOCABERTA' EN 286 CONCELLOS
Cristina Rubal sinalou que este é "o programa máis ambicioso que fixemos ata o momento", a iniciativa busca ter presenza tanto en localidades rurais como urbanas "para que os nenos e as nenas coñezan a nosa lingua como un tesouro para compartir". A xira de 'Contos para falar' comenzou en Vilagarcía en setembro e achegarase ata 52 concellos ata o 18 de decembro.
Xunto a Rodeira participan no proxecto de 'Bocaberta' outras dez editoriais como Galaxia, Kalandraka ou Sotelo Branco. Rubal sinalou que a campaña de 'Bocaberta' buscaba no seu inicio achegarse a medio millón de mozos entre 3 e 18 anos, "e agora mesmo vai ser case o dobre". Todas as actividades no seu conxunto visitarán un total de 286 concellos para "achegar a empatía da nosa lingua a través dos espazos lúdicos".
"PROBLEMAS INEXISTENTES" SOBRE A LINGUA
Alfonso García Sanmartín quixo agradecer á Xunta e ao Concello de Santiago que cumpran a dobre función de converterse en axentes culturais activos e potencien a presenza do libro e da cultura entre a xente máis nova, "máis alá de problemas inexistentes que se venden como tales". García reflexionou sobre a importancia de que os nenos queden á marxe de esas cuestións "creadas artificiosamente polos adultos e penosamente por moitos políticos".
O director de Rodeira recalcou o "éxito pleno" da iniciativa e agradeceu o papel nel de Cristina Rubal, "a auténtica nai do proxecto". Xunto a isto, chamou a atención sobre o cartaz da campaña no que se pode ver a un grupo de nenos voando nun tractor sobre unha cidade, remarcando así a idea de que o galego é algo "tanto do mundo urbano como do rural". Por último, García amosou o seu desexo de que esta iniciativa "se manteña no tempo porque demostra que é algo efectivo do que gozan os rapaces".