El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

TEATRO

Manuel Lourenzo faise co premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais coa obra "Flores de Dunsinane"

19-10-2009 17:26:19

Manuel Lourenzo ven de facerse co premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais da Agadic coa obra "Flores de Dunsinane". Trátase do galardón de maior traxectoria no ámbito teatral galego e está dotado con 6.000 euros, ademais da publicación da obra premiada. O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, foi o encargado de entregarlle esta distinción ao lucense en Compostela, na inauguración da XVII Feira Galega das Artes Escénicas.

A presidenta do xurado, Blanca Ana Roig, destacou o emprego na obra premiada dunha "linguaxe rica, poética e expresiva dramaticamente". Ademais, comentou que reinterpreta un clásico da importancia de 'Macbeth', "crando expectativas no espectador, ao ofrecer unha nova luz en relación aos personaxes"

Pola súa banda, Lourenzo agradeu este galardón, asegurando ironicamente que a obra presentada é un "texto realmente difícil e moi pouco provocativo, desde o punto de vista da risa". Asimesmo, calificou este premio de "moi grande, pola sombra que dá este escritor". Por último, o autor quiso facer referencia á situación lingüística, afirmando que "son desiderativo na literatura, pero afirmativo na fala".

'Flores de Dunsinane' centra o seu argumento no fillo dun dos compañeiros de armas de Macbeth, a quen este mandara asasinar. Emprega a súa astucia para chegar a rei de Escocia e agora, vello e moribundo, recibe a visita dos seus antecesores, os Macbeth, cos que revive o seu sanguento reinado.

Manuel Lourenzo é o autor de máis de medio cento de obras dramáticas. O seu último texto estreado foi 'As Dunas', creado como autor residente do Centro Dramático Galego e que dirixiu Quico Cadaval este mesmo ano. Ademais de escritor, ten exercido de director, actor, tradutor ao galego dos grandes clásicos, teórico, conferenciante, fundador de varias compañías, editor de coleccións literarias e profesor.

PREMIOS MANUEL MARÍA E BARRIGA VERDE

Por outra banda, Xosé A. Neira Cruz resultou o vencedor do premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil, coa obra 'Sopa de xarope de amora', obtendo por segundo ano consecutivo un dos premios que concede a Agadic. A presidenta do xurado definiu esta comedia como "áxil e divertida" e afirmou que "estimula a imaxinación".

Ao recoller o premio, Neira Cruz amosou o seu desexo de que o teatro infantil galego "medre e interese ao sector editorial". Esta obra presenta as peripecias do Doutor Amorodo, científico ao servizo das casas reais, que vive completamente namorado de Chismunda.

O Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques, na súa versión para adultos, recaeu en Ignacio Vilariño por 'Auga que non vas beber...', un musical inspirado na tradición oral anticlerical ibérica e que conta os amoríos do Padre Damián.

O xurado valorou a "axilidade e ironía" do texto. Pola súa banda, o autor confesou que "nunca pensei levar un premio de escrita dramática" e lembrou a importancia de recuperar as pezas tradicionais dos monicreques galegos, oitas delas "xa case esquecidas".

Por último, o Barriga Verde na súa modalidade infantil correspondeulle a Begoña García por 'Bon appéttit', un "canto á gastronomía", segundo o definiu Blanca Ana Roig. A galardoada non puido recoller o premio, xa que se atopa fóra de Galicia por motivos laborais





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias