A XVII Feira Galega das Artes Escénicas botou a andar en Compostela coa participación de máis de 130 programadores, produtores e distribuidores de toda a Península. O encargado de inaugurar o evento foi o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, quen asistiu ao showcase de danza 'Shure PG48' da compañía La Macana. Despois, fixo entrega dos premios de escrita teatral da Agadic.
O cartel está integrado por 20 espectáculos cen por cen galegos, 11 deles de teatro para adultos, seis de teatro infantil e tres de danza. As representacións celebraranse en cinco espazos da cidade: o Auditorio de Galicia, ARTeria Noroeste, a Sala Nasa, o Salón Teatro e o Teatro Principal. A entrada para todos elas será de balde, até contemplar o aforo dispoñible.
Nesta feira, presentarase dúas estreas absolutas: 'Rosalía a pulga que escribía' de Galitoon e 'Shakespeare para ignorantes' de Mofa e Befa. Ademais, unha ampla porcentaxe do resto dos espectáculos iniciou o seu perorrido polos escenarios nas últimas semanas. É o caso das novas propostas de Lagarta Lagarta, Monicreques de Kukas, Sarabela Teatro, Teatro de Ningures, Teatro del Andamio, Teatro do Atlántico e Teatro do Noroeste.
Como complemento, farase unha serie de actividades paralelas, como dúas mesas de debate, catro showcases de danza e a asamblea xeral da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Asemade, hai instalada unha zona de mercado con 16 stands de empresas e asociacións do sector.
COMPROMISO DA XUNTA COA ESCENA
No acto inaugural, Varela reiterou o seu compromiso de diálogo cos profesionais do teatro e da danza, de cara ao desenvolvemento de novos proxectos, que se traduzan nunha maior difusión do seu traballo. Nesta liña, asegurou que esta feira será o "primeiro paso para a posta en marcha da engranaxe que ha de relacionar o plano da creación artística co do seu coñecemento e rendabilidade social".
Así, entre as liñas de actuación do seu departamento para o sector, o conselleiro subliñou o reforzo das axudas á actividade profesional, a aposta pola consolidación do modelo de compañías residentes, a potenciación dos circuítos de distribución dentro e fóra de Galicia e a busca dunha "mellor coherencia" na política de colaboración cos festivais e mostras.
O responsable de Cultura considerou un "éxito" poder chegar a edición número 17 deste encontro, xa que a continuidade deste tipo de eventos "non é moi frecuente". Varela tamén subliñou o "enorme potencial" dos profesionais do sector, ademais do seu traballo "de calidade, riguroso e pleno de ideas".