El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

FEIRA DAS ARTES ESCÉNICAS

Galitoon e Mofa e Befa estrean este mércores os seus novos espectáculos

20-10-2009 20:34:52

As compañías galegas Galitoon, con 'Rosalía, a pulga que escribía', e Mofa e Befa, con 'Shakespeare para ignorantes', protagonizarán mañá as dúas únicas estreas absolutas da Feira Galega das Artes Escénicas 2009, nunha terceira xornada de actividade artística e comercial na que Berrobambán Teatro, Teatro do Morcego e Quique Peón exhibirán tamén os seus últimos espectáculos.

A primeira das estreas programadas terá lugar ao mediodía no teatro da ARTeria Noroeste, onde Galitoon presentará a súa nova produción de teatro de monicreques. Pensado para un público infantil de entre 3 e 7 anos, 'Rosalía, a pulga que escribía' cóntanos a historia da pulga que lle dá título e de Bruno, o canguro-carteiro que se encarga de entregar as cartas que a pequena Rosalía escribe cada día, así como de lerllas aos seus destinatarios.

Andrea Mayer é a autora desta obra, que dirixe xunto a Santiago Alonso e Luis Miguel Rodríguez, mentres que Raquel Queizás e Óscar Ferreira son os encargados de dar vida aos diferentes monecos.

Galitoon é unha empresa de televisión, teatro e espectáculos. Entre os seus traballos para a pequena pantalla, destacan O Galo Cecilio do 'Supermartes', as vacas Pinta e Marela do 'Luar' ou o programa 'Cousiñas'. No eido teatral, está a varias veces premiada 'Golulá e Babiliglub', coa que a compañía segue aínda de xira.

O SHAKESPEARE MÁIS IGNORADO

Por outra banda, a Sala Nasa acollerá, a partir das sete do serán, a segunda das estreas que ofrece este ano esta feira: 'Shakespeare para ignorantes', da compañía compostelá Mofa e Befa.

Quico Cadaval dirixe este espectáculo e, xunto a Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira, levará ao primeiro plano as escenas do gran dramaturgo británico máis ignoradas polo público actual. Así, os personaxes secundarios das obras de Shakespeare pasan aquí a ter todo o protagonismo.

Mofa e Befa naceu hai xa catorce anos co espectáculo 'Para ser exactos'. O obxectivo desta nova compañía era desbotar os tópicos ao redor do teatro galego. Dende entón, leva feitas máis de 300 representacións desta primeira obra xa mítica na escena galega. Aínda que formada polos actores Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira, a compañía adoita contar con colaboracións como as do propio Quico Cadaval ou o músico Piti Sanz.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias