El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

CINE

A "Cinta Branca" de Michael Haneke abrirá a 23 edición de Cineuropa

23-10-2009 18:42:55

Da man de novembro chega de novo a Compostela o festival 'Cineuropa', organizado pola Concello de Santiago. A súa 23 edición comezará o vindeiro 4 de novembro coa estrea do esperado filme de Michael Haneke 'A cinta branca', gañadora da Palma de Ouro no Festival de Cannes.

Ademais de Haneke, na sección oficial do Festival competirán polo premio do público outros 31 filmes, con títulos tan destacados coma 'Looking for Eric' de Ken Loach, 'Soul Kitchen', coa que Fatih Akin obtivo o premio á mellor dirección en Venecia; 'Edén ao oeste' de Costa-Gavras, 'Un profeta' de Jacques Audiard, 'Le refuge' de François Ozon ou 'Hadewich' de Bruno Dumont.

Da boa racha creativa que vive o cine lusitano darán fé Eugene Green con 'A religiosa portuguesa', Miguel Gomes, autor da multipremiada 'Aquele querido mes de agosto'; e o Premio Cineuropa Manoel de Oliveira, quen, xa centenario, firma 'Singularidades de una rapariga loura'.

Do cinema español, poderemos ver as obras máis recentes de veteranos coma Carlos Saura, con 'Io, Don Giovanni'; e Vicente Aranda, con 'Luna caliente'. Ademais de Isaki Lacuesta con 'Los condenados', Marc Recha con 'Petit Indi', Javier Rebollo con 'La mujer sin piano' e Adán Aliaga con 'Estigmas'.

Cineuropa programa algúns dos derradeiros títulos revelación da temporada de festivais, entre eles a grega 'Kynodonyas', gañadora de Un Certain regard en Cannes; a británica 'Fish Tank' e a rumana 'Elevator'. A sección adicada ao cinema asiático virá co tirón de nomes como Takeshi Kitano, de quen se poderán ver as súas dúas últimas cintas, 'Aquiles e a tartaruga' e 'Glory to the filmaker'. De Naomi Kawase preséntase 'Nanayo' e do filipino Brillante Mendoza 'Serbis'.

Outra das panorámicas do festival que se asentou xa nas súas últimas edicións, a dedicada aos documentais musicais, contará con filmes tan controvertidos como 'Who killed Nancy', sobre a morte violenta da compañeira de Sid Vicious; 'A agonía e o extáse de Phil Spector', a premiadísima 'Kerouac Big Sur' ou a recuperación de 'Let`s get lost"' obra mestra de Bruce Webber sobre Chet Baker.

A retrospectiva sobre un autor europeo que o festival programa cada ano terá nesta edición dous nomes no seu cartel, xa que estará dedicada á filmografía completa de Arnaud Desplechin, e ás obras da última década da tamén francesa Claire Denis. Son dous dos nomes capitais da chamada 'contraola'.

Esta edición será tamén a da premiere de 'Capitalism, a love story', o retorno de Michael Moore. O filme, o de maior éxito do estadounidense desde 'Bowling for Columbine', converteuse nun fenómeno sociolóxico no seu país.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias