El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

Anxela Bugallo: "Hai boas expectativas de participación privada no financiamento da Cidade da Cultura"

14-08-2006

A Cidade da Cultura non será un duplicado de nada, senón máis ben todo o contrario, segundo a conselleira de Cultura, que pretende facer das instalacións do monte Gaiás un referente da cultura do país cara ao exterior. Para iso, ademais das aportacións que fagan ó centro as personas que están a traballar na redefinición do proxecto, Anxela Bugallo non dubida en que a iniciativa privada vai xogar un papel importante no impulso do proxecto. -¿Que balanzo fai deste primeiro ano á fronte da consellería? -Creo que ao cabo deste ano sucederon cousas que para nós eran liñas prioritarias. En primeiro lugar, está o tema da participación na toma de decisións, que se fixeron en colaboración con cada sector implicado, intentando en todo momento chegar ao consenso. Por outro lado, está a participación tamén nas decisións máis importantes, porque o proxecto cultural da Cidade da Cultura estase a facer a través dun mecanismo de participación moi amplo. Estamos a falar de centos de persoas, que van a redefinir ese proxecto a partir das liñas orientadoras que nós lles demos, pero, desde logo, podendo aportar e aconsellar en todo momento. Ademais, nós tiñamos moi claro que a cultura desde país residía durante todos estes anos incluso máis fóra das institucións que dentro. Entón, o que intentamos en todo momento é abrir as portas da consellería e que traballen con nós, mantendo un nivel de acompañamento e unha interlocución continua na toma de decisións. -En 2005 queixabase de falta de recursos... - Efectivamente, o ano pasado chegamos cun orzamento moi baixo e este xa tiñamos o noso propio, o cal nos permitiu facer toda a reforma de convocatorias e abrir liñas que para nós eran moi importantes como, por exemplo, con respecto ao tema das industrias culturais. Xa dixemos desde o principio que o que queriamos era que a cultura fora un pouco a marca de calidade, o que significa traballar cara as nosas industrias culturais máis importantes, como o libro, o audiovisual e outros temas nos que nos imos ir implicando pouco a pouco, como a música. Todas esas cousas hai que deixalas cun orzamento propio de partida. Logo está a apertura de novas liñas en áreas como a producción e distribución en artes escénicas, faltan tamén todas as convocatorias do Igaem, a proxección exterior da nosa cultura, que é o que estamos facendo a través de novas liñas tanto coa presencia en feiras internacionais como de traballo xa de inspeccion dos novos mercados, para ver que medidas e que plans de actuación temos que levar a cada un deles. -A volta do verán chegarán as solucións para a Cidade da Cultura. ¿Cómo se está perfilar o tema? - Estamos neste momento embarcados nun mecanismo de participación moi complexo no cal colaboran centros de persoas que están a traballar nos encontros sectoriais para definir as achegas de todo o que é o noso tecido cultural e perfilar completamente o proxecto cultural de cara a outubro. A verdade é que estamos moi contentos dos resultados que están a acadar sobre a Cidade da Cultura e a xente implícase moito. As aportacións son moi boas. -Sobre o previsto ata agora ¿vai a haber sorpresas, por exemplo, cos dous edificios dos que se paralizaron as obras? -A suspensión temporal desas dúas obras dura, en principio, ata abril de 2007. Entón, remateremos en outubro o proceso de participación e a elaboración do proxecto cultural definitivo e a partir de aí faranse nos edificios as modificacións pertinentes para poder adaptalos ás funcionalidades e en canto eso estea feito poñerase en marcha. -¿A apertura do Arquivo e da Biblioteca manteranse para 2007? - Si, tal e como vai o ritmo de construcción eu xa falara de finais do ano 2007 e en principio a data mantense. - ¿Que áreas confía que poidan autofinanciarse? - Moitas das liñas orientadoras novas que se deron teñen que ver con posibilidades de autofinanciamento. Estamos a falar de temas de creación, de exposición, de intercambio cultural, etcétera, que teñen, como xa se viu noutras partes de Europa, moitísimas posibilidades de ter autofinanciamento, pero, ao mesmo tempo, nós tamén facemos un traballo con Economía para buscar fórmulas de xestión e de sostemento da propia Cidade. -¿Como será ese retorno do investimento do que vostede fala? - Creo que o mellor retorno que podemos ter e conseguir que a Cidade da Cultura sexa un referente da cultura do noso país a nivel internacional. Para iso contamos con unha ventaxa, que é unha infraestrutura moi atractiva. Comprobeino nalgúns sitios nos que estivemos, como Estados Unidos. E moi fácil que atraia, e na medida en que o poidas utilizar desde o punto de vista de todas as finalidades que se plantexan agora, incluido converterse nun punto exclusivo de turismo cultural, ese xa é un punto de retorno moi importante. O que pretendemos, e xa o dixen desde o principio, non é que se convirta nun duplicado de nada, senon todo o contrario. Debe ser un elemento que cubra as necesidades que ata agora non o estaban. Iso xa é un bo retorno. -¿Cal é a situación financiera do complexo do monte Gaiás? -A situación é exactamente a que estaba de partida. O único que non están feitos son os estudos de custos e mantenemento dos dous edificios que están paralizados, porque ata que non se saiba a súa funcionalidade non se poden elaborar. Pero, en principio, non temos neste momento datos para cambiar os existentes. O que vai haber que facer é un esforzo de implicación doutras entidades, sobre todo para o seu mantenemento. -¿Que expectativas de colaboración ten postas no sector privado para impulsar a Cidade da Cultura? - Son bastante boas. E unha responsabilidade que todos temos. Hai determinadas entidades que teñen uns apartados e, polo tanto, teñen unha responsabilidade non da mesma envergadura que ten a Administración pero si unha responsabilidade importante. Espero nese sentido que non haxa moitos problemas para contar coa súa colaboración. Lingua e literatura -Despois do verán sairá a Lei do Libro, ¿como se vai axudar a un sector que asegura que cada vez ten máis problemas? - A Lei do Libro sae da Mesa do Libro, na que están representados todos os axentes que teñen que ver co sector. Polo tanto, pódese dicir que é unha cuestion de todos. A Lei do Libro, ademais, califica de estratéxico ao sector, co que hai que adiantarlle toda unha serie de medidas económicas para incentivar o seu desenvolvemento. Eso xa o estamos a facer na consellería, pero máis que se vai a facer a partir da promulgación da lei. E, por suposto, temos que facer un esforzo especial por lograr que se manteña toda esa estructura das librerías, que son algo máis que un punto de venda de libros, xa que se trata dun elemento cultural de primeira magnitude en Galicia. Os libreiros saben que cada vez que houbo un momento de crise no sector, tanto nós como Industria, a través de Comercio, sempre estivemos dispostos a sentarnos a falar con eles e levar adiante as medidas que se poida para conseguir evitar o seu desmantelamento. -¿Cáles son as previsións do seu departamento para as bibliotecas públicas? - Creo que o máis importante neste momento é o modelo de bibliotecas que se pretende implantar e queremos que se recolla na propia Lei de Bibliotecas. A capacidade de convertelas non só nun lugar de estudio, senón tamen de ocio en nun referente de actividade cultural. Iso é o que lle vai dar unha nova vida. Ademais, o tema da lectura somos plenamente conscientes de que depende moito diso. Entón, a campaña de fomento do libro que se fixo este ano desde a consellería implicaba todo, tamén ás bibliotecas, cunha atención especial para elas. -¿Qué cometidos ten Cultura no impulso da lingua galega? -No tema da lingua facemos unha normalización completa, proxectada desde a nosa consellería, e un impulso que non vai só na normalización da lingua como forma de comunicación, senón tamén como forma de cualificar un producto propio galego. Nese sentido, en sectores como o deporte, onde a lingua ten a situación menos normalizada, as propias convocatorias e axudas sempre recollen apartados específicos de apoio á utilización da lingua galega dentro dese ámbito. -Os galegos gastamos moi pouco en cultura, doce euros de media ao ano en actividades escénicas, segundo datos recentes... -A valoración que me merece o dato é, precisamente, que hai que empezar a facer un traballo para que a xente entenda que a cultura é tamén unha forma fundamental do seu ocio. Nós incluso intentamos impulsar o que se fai, por exemplo, no audiovisual galego, para que así se comprenda como se pode disfrutar, etcétera. E logo, levando a cultura ao que fai moita xente. Moitas veces hai que facer unha especie de achegamento a través de novas medidas e actuacións, como levar a cultura a calquera sitio, como a través de campañas como a de 'pan con poesía' ou facer circular cultura moi variada para poñela, digamos, diante dos ollos e que teña maior facilidade para chegar a ela. Pero queda un longo camiño. Este é un proceso que depende moito de que todas as actuacións que se desenvolvan pouco a pouco vaian facéndolle comprender á xente as capacidades de ilusión, de felicidade..., e iso é un traballo de moito tempo. -¿Pasou xa a euforia da selección galega de fútbol? -Non, o que creo é que a xenta tiña moitísima necesidade de tela. Ademais, levaba tanto tempo explicando que era imposible, que foi unha explosión de xúbilo cando se conseguiu. Eu creo que hai que seguir traballando no que se refire ás seleccións. A reflexión da xente a todo iso é moi boa, e vanse manter, claro. O que pasa é que haberá que ir axustados sempre aos calendarios deportivos, que deixan moi poucos ocos. Pero eu creo que a xente está volcada cada vez que se fai algo con respecto a iso.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias