Un maior investimento en cultura e un pacto polo idioma foron dúas das reivindicacións que plantexaron algúns dos galardoados na entrega dos Premios da Cultura Galega, caracterizados pola ausencia de Agustín Fernández Paz, quen foi seleccionado polo xurado pero rexeitou o premio pola lexislación do Goberno galego "contra o idioma".
Precisamente o tema da lingua estivo presente nesta convocatoria, cunha chamada a "chegar ou recuperar o consenso co tema do idioma". Foron palabras da primera galardoada que subiu ao escenario do Pazo de Congresos e Exposicións, en Santiago de Compostela. Menchu Lamas (premiada na categoría de artes plásticas) fixo esta chamada ao pacto, non sen antes sinalar como obxectivos "a proxección cara o mundo e darlle un sentido novo á creación e á cultura propia". No acto estivo tamén representada a Editorial Galaxia (premio á promoción cultural), que reivindicou a lingua como un dos piares da súa existencia.
O conselleiro delegado da editorial, Manuel Meixide, sinalou que "a nosa actividade editorial" ten a súa base no traballo "a prol da cultura e a lingua galegas", basándose na "lealdade co idioma e a modernidade". Isto sentou a actividade dos 60 anos da firma, sinalou, para explicar que tamén serán os eixos que guien as décadas vindeiras. "A lingua é a nosa bandeira, a nosa marca de identidade. Existimos como galegos porque existe a lingua propia", reivindicou.
O beneficiario do premio das artes escénicas deste ano, Eduardo Alonso, introduciu outras das reivindicacións dos artistas, ao criticar que o próximo ano o Goberno do Estado "pon a Galicia na cola do seu investimento en cultura por habitante. A penúltima comunidade neste apartado", indicou, para engadir que tamén os "reaxustes" orzamentarios practicados na comunidade aportan "recursos limitados", o que obriga a "meditar onde se colocan".
Neste contexto, reivindicou que se a construción dun "contenedor" dá brillo, "o esplendor" chega "co contido, coa creación". Animou tamén á cidadanía a que asista ao teatro, non por "falta de espectadores", senón porque "as artes escénicas son efímeras, e por iso son contemporáneas".
O director xerente da Fundación Barrié de la Maza, Javier López Martínez, que recibiu o premio polas iniciativas a prol do Patrimonio Cultural, defendeu que o traballo en materia de patrimonio "pode crear riqueza e emprego" nos tempos actuais. Tamén lembrou que o traballo da Fundación "só ten sentido se é en colaboración con outras institucións". O xerente da Orquesta Sinfónica de Galicia, Oriol Ponsa, destacou o compromiso "artístico e musical" da orquestra "con esta comunidade tan xenerosa"; e a produtora executiva de Vaca Films, Emma Lustres (acudiu co outro produtor executivo, Borja Pena) emocionouse na súa intervención ao facer un percorrido pola historia da produtora. Na súa intervención asegurou que "é a historia dun soño" na que colaboraron "moita xente, moitos compañeiros de profesión". Tamén aludiu á familia e ao "apoio incondicional e decidido" da TVG e da Xunta no eido audiovisual.
Os protagonistas da xornada foron os galardoados, a Orquesta de Cámara Galega, que puxo a banda sonora do acto xunto coa soprano Susana de Lorenzo no caso do Himno Galego e o Coro da Rá, que fixo unha representación teatral. No evento houbo unha lembranza a persoeiros da cultura falecidos neste ano, como son Ana Kiro, Marcos Valcárcel e Francisco Fernández del Riego.
A apertura e o peche do acto corresponderon ao conselleiro de Cultura, Roberto Varela, e ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, respectivamente. O primeiro apelou ao "esforzo continuo" que esixe a cultura, que comparou "cun camiño" que "se non se usa vai desaparecendo". "Só os que camiñan van facendo o camiño", indicou.
En relación cos creadores distinguidos no evento, sinalou que son "o exemplo que necesita a sociedade galega para crer nas súas posiblidades". "Galicia non é só cultura, pero sen cultura, sen idioma, non habería Galicia", enfatizou, para sinalar que a cultura da comunidade non só pode "convivir", senón tamén "competir con outras culturas do mundo".
Pola súa parte, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pechou acto chamando a mirar cara as glorias pretéritas para estimular outras "para o presente e para o porvir". Destacou que os galegos "custodiaron e aderezaron con achegas contemporáneas o tesouro cultural" da súa terra e que a cultura galega fíxose "de xeito humilde e pouco fachendoso". "A nosa cultura aprendeu a arte de facerse grande en silencio, sendo poderosa na súa substancia", sinalou.
Logo de ter un recordo para os persoeiros falecidos e lembrados neste acto, Feijóo afirmou que "hai outros que recollen o seu testemuño para estender Galicia polo mundo, e para traer o mundo a Galicia, un vello país que recorda, que renova, que avanza e que agarda".