Ás veces escoitar a Pablo Iglesias prodúceme un certo vertixe, e lémbrame ós comezos da política de moitos e moitas nas organizacións xuvenís dos partidos, non digo que os discursos sexan malos nelas, pero os tics e formas son os que son nas canteiras das formacións políticas. O problema reside en que Pablo Iglesias non está nun debate de asociación xuvenil, está ca cámara lexislativa do estado.
Para mostra un botón: “respecte vostede os 3,7 millóns de votos de Unidas Podemos” aínda non sabe que representa a todos e cada un dos residentes en España? Estes ataques de dignidade partidaria dos que non está libre Pedro Sánchez, autor de “Manual de Resistencia” son os que precisamente non poñen á democracia ibera ó nivel de Europa, coa digna excepción de Portugal e Euskadi dito sexa.
A edificación política no Reino Borbón sempre xira de redor do líder partidario coa conseguinte alimentación de egos e perda da realidade. De este xeito o “anticasta” acaba por ser a pero das casta e así con todo. É un mal endémico da política hispana, do que non é allea Galicia. Queda excluído o que como o meu amigo Jordi Xuclá nomea “o mellor partido de Europa” o PNV.
Recomendo a Pedro e Pablo obsevar e estudar a sociedade galega, unha sociedade colaborativa no colectivo: montes en man común, rogas, comisión de festas, parroquias, matanzas... para entender que é o momento de poñer en valor o que nos une, non aquelo que distancia. Aínda que tamén ó mapa político galego nacionalista e galeguista, non exento de enormes egos, incluídos egos de partidos, convenlle entender que é precisa unha unidade de acción para non deixar de ser a Nación de Breogán e converterse nunha rexión máis.
Neste senso coido que o camiño tampouco pode ser confiar nunha formación que reforma o 135 da constitución, golpe de graza á descentralización e des concentración, que por riba ten un líder débil e pésimo na súa visión de Galicia, e hoxe é unha franquicia centralista de Ferraz.
Para Galicia tamén é tempo de ser europea, é tempo de ser nación, e tempo de ser. Pero para iso a mochila dos dogmas non é boa compañeira.
Piñeiro Docampo