Imaxino que cando se é Ministro e te chama The Guardian, aínda que sexas comunista, da ego. Que o teu nome saia publicado nun xornal de tendencia de centro e laborista de renome pois esta ben. Esta última familia “laborista” é o comodín para contentar á parroquia de Esquerda Unida, non é o Daily Express, ao final. Mais algún esquece, neste punto, que cando se é Ministro é para representar a todos os teus veciños, non só aos lectores de The Guardian ou Público. Ese é o primeiro fallo de Garzón.
O segundo é non saber en que campo xogas o partido, non sabe o Ministro que na Gran Bretaña pesa máis o patriotismo económico que a posición ideolóxica, e non, a cuestión a Garzón, sobre o chuletón, non era menor nin desinteresada. Os ingleses son o tractor económico e os caseiros das súas antigas colonias, e mira ti por onde dos 10 Estados máis exportadores de carne do mundo 4 dos máis potentes: os terceiros, cuartos, sextos e sétimos son países da Commonwealth. Eses Estados que contribúen á riqueza do Reino Unido e ao benestar dos nosos exsocios da UE, e aceptan á súa monarquía como xefa propia. Aínda pensamos que foi unha pregunta sen intención? Eu teño claro que non.
Europa no seu conxunto ocupa o posto 10 na exportación global de carne, e o noso valor diferencial só pode ser a calidade, uns estándares marcados pola Unión e que son vixiados e comprobados polos Estados. Pois ben, temos a todo un Ministro de Consumo dun Estado da Unión falando mal do propio proceso da Unión e sementando dúbidas, que enorme capacidade de visión a do líder de Esquerda Unida.
Si iso non fose xa suficiente, é función do propio ministerio o velar pola calidade da nosa produción. Xa que do Ministro depende a Axencia Española de Seguridade Alimenticia e Nutrición. Esta Garzón sen cumprir as súas funcións? Non, o que pasa e que saír en The Guardian mola.
Un tanto para a Commonwealth, mellor dito un auto gol. E por riba empezamos a debater que si ten razón que si a calidade, ecoloxismo...imos practicar unha máxima, non fales mal do que tés na casa, soluciona o que vexas mal e defende ao teu sector, si o precisa. Porque o dano é global aos produtores, por moito que agora queiramos debater sobre un modelo de cría e xestión que xa está mais que regulado e probado.
Por suposto que en Galicia temos carne de primeira e debemos defender o noso, é parte da nosa identidade e tradición. A carne do Canadá que a tome Garzón se o estima.
Piñeiro Docampo