Cando con 16 anos me planeei ter a miña propia conta de banco, traballaba polo verán para pasar un bo inverno, a sensación natural, de identidade levoume de forma natural a Caixa Galicia. Imaxino que o nome de Galicia e as cores corporativas tiveron moito que facer, xa que en San Ciprián tíñamos daquela cinco entidades bancarias, hoxe dúas.
As caixas tiñan ese verniz de territorio e de identidade, logo xa sabemos o que posou coas caixas e a súa xestión. Da transformación do modelo de caixas xurde en Galicia ABANCA, un agasallo de Feijoo a Escotet, e segue tendo esa pátina de territorio e identidade, máis por herdanza e cores que por realidade, coido.
Á entidade vaille ben, no 2021 en plena pandemia mundial gaña un 46% máis, uns 210 millóns, está moi ben. Eu defendo que as empresas que operan en Galicia deben ser fortes e gañar cartos. Mais toca sinalar que ABANCA pechou o 10% das súas oficinas e 116 traballadores quedaron na rúa , no pasado ano.
10% de oficinas sobre todo no rural, ese que lle dá a identidade galega á entidade que no seu día formamos todos e agora é privada. Nun País co maior número de núcleos de poboación e dispersión territorial o banco perde presenza. ABANCA xa non representa a realidade de Galicia, é un feito.
A resposta ás críticas, é a promesa da colocación de caixeiros, é esa a vocación de servizo da entidade bancaria galega? Poñer caixeiros no rural, vaia aposta pola relación humana e o territorio. Tampouco temos á poboación obxectivo para esta medida, a capacitación dixital da poboación non está nese nivel. Onde queda aqueles traballadores do banco que axudaban ás persoas? Evidentemente non me refiro aos mercenarios que venderon preferentes.
A resposta da administración é sorprendente, a Xunta subvenciona os caixeiros e os concellos quitadas honrosas actuacións non fan ren. Coido que a Xunta nesa política tamén pode subvencionar aos peixeiros, panadeiros e comerciantes que atenden o rural, e mesmo poñer máquinas de vending se é o caso, xa postos. A Xunta ten que esixir que ABANCA cumpra cos aforros dos noso pobos, e represente a Galicia.
Mentres ABANCA pecha en Galicia, compra e expándese a outros horizontes, pechará tamén alí, non o creo.
Piñeiro Docampo