A Lei 1/1998, do 23 de marzo, de uso e promoción do bable/asturiano, no seu artigo 2 di que “o réxime de protección, respecto, tutela e desenvolvemento establecido nesta Lei para o bable/asturiano estenderase, mediante regulación especial, ao galego/asturiano nas zonas nas que ten carácter de modalidade lingüística propia.” Esta lei aprobada hai máis de vinte anos tiña a vontade de emendar o esquecemento do Estatuto de Autonomía e como lei que o desenvolve non hai escusa para que non haxa unha equiparación total de tratamentos, mediante regulación especial.
Trazando unha liña que se mantén, o galego de Asturias xa aparecía por detrás do asturiano. De feito, non se volve a mencionar no resto da lei salvo na Disposición adicional, que di: “O galego-asturiano terá un tratamento similar ao asturiano no que se refire á protección, respecto, ensino, uso e tutela no seu ámbito territorial.” Ollo: “similar”. É un apéndice, unha cousa que nos colga aí na “esquinía”, e que nos estorba, que había que poñela para disimular un pouco. Sóbralles, e búscanselle acomodos non axeitados como a Secretaría Lingüística do Navia-Eo que é un apéndice ilóxico dunha Academia, a da Llingua Asturiana, que non debería ter competencias sobre o galego que se fala en Asturias.
Ao noso xuízo o obxecto da lei non se respectou. Especialmente o artigo 10, que establece que “o Principado de Asturias garantirá o ensino do bable/asturiano en todos os niveis e graos, respectando non obstante a voluntariedade da súa aprendizaxe.” A realidade é que miles de alumnos e alumnas deixaron de escoller o asturiano ou o galego -aínda que fose o seu desexo- porque era iso ou un segundo idioma estranxeiro, como o francés, por exemplo.
En canto ao mandato, previsto no artigo 13, de difundir o asturiano nas emisións de radio, televisión e demais medios de comunicación (e sen mencionar de novo ao galego), avanzouse pouco, pero desde logo o galego de Asturias non o busquen vostedes na RTPA -nin en ningún outro medio de comunicación- porque non existe. Somos asturianos, pero a iso os seus falantes non temos dereito, aínda que paguemos impostos como os demais.
Con respecto á toponimia, aínda que se avanzou moito, son numerosos os erros en moitas localidades da zona galegofalante, nos que se xuntaron a falta de profesionalidade dos encargados de regulala, o descoñecemento, o empeño en desgaleguizar e a falta de interese dalgúns concellos. A perda do patrimonio é tal que moitos topónimos van desaparecendo ou están mal oficializados. O tempo é inexorable e, mentres corre en contra do idioma, algúns traballan denodadamente para minorizar un pouco máis o galego.
Recentemente o goberno de Asturias aprobou o Decreto 23/2022, do 22 de abril, polo que se crea e regula a Rede de Normalización Llingüística. A resolución publicouse, como sempre, en castelán e en asturiano -lembremos que aínda non é oficial- e ao galego, unha vez máis, que lle zurzan. Por suposto non hai tradución para esta lingua tradicional de Asturias ao publicar a norma. Esa ausencia fala por si mesma. Vese que é menos-que-non-oficial.
Con este Decreto preténdese, “dar carta de natureza á Rede de Normalización Llingüística, certamente unha ferramenta necesaria pero que usan sen pudor para atrapar ao galego de Asturias nun recinto sen osíxeno nin futuro, reducido no seu cubil (e o termo é adecuado, porque así nos tratan aos seus falantes). Así, nesta norma dáse un paso máis e ponse por primeira vez nunha disposición normativa o invento do “ eonaviego”. O decreto di que se entende que son linguas propias ou tradicionais de Asturias: a lingua asturiana (o bable/asturiano) e o galego-asturiano ou eonaviego. Ata 8 veces aparece no texto legal a suposta equivalencia: “galego-asturiano ou eonaviego”.
Pero é que encima o de “no seu ámbito territorial”, unha vez máis, só se aplica ao galego. Non sabemos se é porque -algún día- hai quen pretende facer oficial o asturiano en toda Asturias, tamén onde non se fala… -pero non viceversa-. Se no seu día introduciron o termo galego-asturiano, - guionciño incluído, para que quedase ben claro que ou era unha mestura entre os dous, ou algo que non chegaba á altura de ningún dos dous, unha fala que non chegaba a ser un idioma, de segunda división-, hoxe pretenden seguir extinguíndoo. Para iso rebautízano e repiten ata a saciedade o desprezativo termo de eonaviego, para dentro dun tempo meter xa nun caixón o nome que ata onte lles serviu e deixar só o novo glotónimo sen filiación..
O que tentan desde a Academia da Llingua Asturiana e desde o Goberno de Asturias (ou desde unha parte do executivo e da FSA, iso é algo que sería interesante determinar e cuantificar) é introducir subrepticiamente, pola porta de atrás, o termo inventado, para que vaia calando nos medios de comunicación e na sociedade. Seguimos así co proceso de modelaxe da opinión pública e de manipulación política.
Segundo a lóxica que usan, xa que o asturiano non se fala en todo o territorio -hai que subliñar este detalle-, senón que é propio desde onde acaba o galego ata as beiras do río Deva, habería que chamar ao bable/asturiano (nome legal) ‘NaviaDevago’. Ou non? Se temos que comulgar con iso de que o que se fala en case unha vintena de concellos do Occidente é ‘eonaviego’, o que se fala desde o Navia (ou desde o río Frexulfe, para ser lingüisticamente precisos) ata Cantabria será iso: ‘ naviadevago ” Por que non habería de usarse o mesmo criterio? O mellor de todo é que os que impulsan o glotónimo de eonaviego saben perfectamente que o que se fala nesa zona de Asturias é galego. Chámenlle galego de Asturias ou galego asturiano, con ou sen guion, pero é galego. Por iso alimentan o desprezo ao termo, para negar a evidencia do vínculo idiomático entre ambos lados do Eo. Coma se as fronteiras idiomáticas fosen as mesmas que as administrativas. É tan estúpido coma se dixésemos, por exemplo que, polas diferenzas que hai entre o castelán de España e o de Arxentina, as linguas destes dous países son idiomas distintos.
O que fan é polo tanto unha política de feitos consumados, un apartheid idiomático. (Segregación: “separar e marxinar a unha persoa ou a un grupo de persoas por motivos sociais, políticos ou culturais”). Un apartheid mantido durante décadas, disfrazado de academicismo, a ver se van desaparecendo os falantes. Cun pouco de sorte o crecemento vexetativo (na súa dobre acepción: na demográfica e na do monte devorando ás aldeas baleiras pola emigración) aceléralles o traballo e nunhas décadas xa non terán ese encordio na esquina occidental e poderán dicir (os que diseñan e deciden esta política lingüística) que o asturiano se fala do Eo ata o Deva, e tan panchos. Ou, quizais, poidan cumprir co obxectivo último de acabar con ambas dúas linguas tradicionais de Asturias instigando aos defensores dunha e da outra a pelexar, tratando de malos asturianos aos que piden respecto polos consensos científicos nos temas lingüísticos.
Mentres outros estamos entretidos nos nosos amarrexos e deixámonos tourear, sen nin sequera protestar, e ata lles compramos a mercadoría falsa do eonaviego. Ás veces temos a clase política que nos merecemos. Os que pretenden meter o invento do eonaviego a sangue e lume buscan segregar o galego de Asturias do de Galicia. Pero cuestionar a lingüística é inútil e, aínda que cada un pode ter unha opinión que é moi respectable, a ciencia non é opinable. Outra cousa son a política e as polémicas estériles que contaminan estes debates. Unha trampa golosa na que os propios falantes caen gustosamente, discutindo se se chama fala, ou se nin sequera é un idioma, caendo mesmo no insulto e nas eternas cantinelas de: en tal sitio “sempre se dixo así”, en tal outro “nunca se falou” tal cousa, ou “na miña vila ou aldea nun se fala igual que en…”. É algo pueril que o único que fai é tirar pedras sobre un patrimonio inmaterial que é noso, que desaparece día a día con cada veciño que morre e leva con el todos os seus coñecementos, o seu vocabulario e o amor pola súa fala.
Hai que lembrar tamén que o Consello de Europa, nun anexo dun informe publicado en abril de 2021 sobre a aplicación da Carta das Linguas Minoritarias en España, pedía ao Goberno do Principado poñer en marcha unha política lingüística para o galego-asturiano. Mentres andamos coa posible reforma do estatuto enterrada sine die, nese informe os expertos reclamaban recoller os nomes de 'asturiano' e 'galego-asturiano' no Estatuto. É dicir, mentres que nos textos xurídicos nin aparece o sucedáneo de galego-asturiano, e desde as institucións europeas sácannos as vergoñas, aquí algúns traballan denodadamente por substituílo polo de eonaviego.
O noso idioma hai que defendelo desde a dignidade idiomática, loitar pola lingua igual que por outras moitas cousas. E non vale o argumento do suma cero, porque non é que os nosos representantes elixidos democraticamente non se ocupen do patrimonio inmaterial porque os recursos son limitados e hai que priorizar, non. Non o fan porque o desprezan. Vanglórianse de desprezar a cultura propia e participan do prexuízo contra o galego de Asturias -si, de Asturias, porque é noso-. Reafírmanse negando e renegando da evidencia. Contribuír á extinción dun ben inmaterial de máis de 1.000 anos é como contribuír a levar á desaparición por despoboamento aos seus concellos. Sen autoestima e dignidade non hai futuro.
Hai que sinalar aos trileiros e advertir aos estafados: mentres caemos na súa trampa, pelexamos e debatemos bobadas, a nosa fala, o galego de Asturias, morre. Algúns seguirán vivindo do conto académico e político, e nós continuaremos sen autoridades que nos defendan, nin políticas que poñan en valor o noso patrimonio moribundo, nin un real e efectivo ensino do noso idioma materno nas escolas, nin, nin… Pero o ano que vén pedirán os nosos votos facendo valer que tamén somos parte da Asturias que defenden, importando pouco a Asturias que queremos e necesitamos os asturianos que habitamos nestas periferias. Para moitas cousas cidadáns de segunda; para os votos, desmemoria, como dicían os antigos, vestida de domingo para enganar aos incautos. Membros da executiva de Axuntar: Quique Roxíos / Miguel
Ángel Pérez Suárez.
Cartas al Director