A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de convocar os premios para o desenvolvemento de proxectos de innovación tecnolóxica ou científica e proxectos de innovación didáctica no ámbito da formación profesional en centros públicos, á que se destinan 500.000 euros. Deste xeito, a dotación orzamentaria destes galardóns é a máis alta da súa historia case duplicando a contía dirixida aos mesmos na edición anterior.
Os centros educativos poderán solicitar participar neste certame ata o 17 de xaneiro, en dúas modalidades diferentes. Os proxectos que se presenten na modalidade A terán como obxectivo a terán como obxectivo a innovación tecnolóxica ou científica, e a mellora de procesos de produción ou de prestación de servizos. Estarán orientados a impulsar a transferencia tecnolóxica entre os centros educativos e o contorno produtivo. Ademais, estes proxectos deberían ter unha incidencia significativa na futura inserción laboral do alumnado e na súa empregabilidade, favorecendo a aparición de oportunidades laborais e iniciativas empresariais.
Pola súa banda, na modalidade B inclúense os proxectos que teñan como obxectivo a creación de materiais ou recursos didácticos que supoñan unha clara innovación nalgunha das familias profesionais. Estarán orientados á introdución e á aprendizaxe de novos contidos, tecnoloxías avanzadas, e instrumental ou maquinaria na aula ou no taller, potenciando o deseño de materiais didácticos, deseño de prototipos ou simuladores, laboratorios para prácticas ou maquetas, aplicacións informáticas, etc. Ademais, eses materiais deben ser doadamente trasladables a outros centros educativos onde se impartan as ensinanzas para as que foron deseñados.
As solicitudes deberán presentarse na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, onde tamén se pode consultar máis información sobre a convocatoria.
Con esta convocatoria o departamento educativo da Xunta de Galicia busca potenciar as iniciativas innovadoras, o traballo colaborativo e a transferencia de coñecemento entre centros, empresas e outras entidades. Ao mesmo tempo, impúlsase a calidade e a excelencia na FP e o emprendemento como ferramenta para incrementar a empregabilidade dos titulados nestas ensinanzas. Neste sentido, cómpre lembrar o éxito de eventos como o FP Innova Galicia, que reuniu nun mesmo recinto un total de 40 proxectos de innovación -32 traballos e 8 miniempresas- nos que participaron 23 centros educativos e 30 empresas; así como a máis de 7.000 alumnos e alumnas de toda Galicia, que puideron coñecer de preto as potencialidades da formación profesional actual.