El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Conchi Basilio
Cartas al Director

Rafael Louzán confía en manter as alcaldías de Pontevedra e aumentar os deputados provinciais

26-03-2007

A piques de rematar o seu primeiro mandato Rafael Louzán está máis que satisfeito do traballo que nestes catro anos desenvolveu a Deputación de Pontevedra, e por iso afronta as eleccións municipais con optimismo, coa seguridade de que os cidadáns van volver confiar no Partido Popular. O presidente de la Deputación destaca a ampliación do Museo e o Polígono de Barro-Meis como dous dos proxectos máis importantes postos en marcha nestes anos. Louzán critica a doble vara de Emilio Pérez Touriño o falar do voto emigrante e asegura que Rajoy é a alternativa a Zapatero. - ¿Como se presentan as eleccións municipais do 27 de maio? -Con moito optimismo. As enquisas que barallamos e as que fan os medios de comunicación son moi favorables para o Partido Popular, pero o que de verdade vale é o voto na urna, e os que teñen a ultima palabra son os cidadáns o vindeiro 27 de maio. Estamos comprobando que a resposta da cidadanía é mellor da que nun principio nós mesmos esperabamos tendo en conta que o partido non está gobernando nin en Madrid nin en Santiago. Por contra, si cabía esperar que o Partido Socialista obtivese un beneficio por estar no goberno. Sen embargo, é todo o contrario. Eses datos fanos estar moi esperanzados e pensamos que non só imos poder manter as 45 alcaldías das 62 que ten a provincia de Pontevedra, senón que ademais na Deputación imos ampliar o número de deputados actuais. -Vostede fala de maioría, pero ¿é consciente de que se non obteñen a maioría absoluta non van poder gobernar? -Ao Partido Popular non lle chega coma outros con ter a maioría. Nós temos que dobrar os nosos rivais políticos. Pero, se todo vai como pensamos, ese esforzo que temos que facer e estamos a facer vainos permitir gobernar cunha maioría estable. -¿Vai a ser vostede o candidato do PP á Deputación de Pontevedra? -Iso teno que decidir o partido. E facéndome eco dese tópico tan repetido, teño que dicir que eu estou á disposición do Partido Popular. Eu estou moi contento de que os meus compañeiros me deran esta responsabilidade, pero agora o que estamos facendo é pechar as distintas candidaturas. Do outro, falaremos a posteriori. O que queremos é contar con maior aval, e por iso estamos traballando para presentar os mellores candidatos e candidatas en todos os municipios da provincia: un equipo composto por unhas dúas mil persoas. -Tendo en conta as enquisas, ¿pensa que o PP vai poder manter ademais da de Pontevedra as deputacións de Lugo e Ourense e recuperar a da Coruña? -O noso gran reto, sen lugar a dúbidas, é acadar a Deputación da Coruña. Ese é un claro exemplo do que dicía antes, de que non nos chega con gañar, senón que temos que dobrar ós adversarios, xa que estamos 14-15. Estou seguro de que imos poder gobernar nas catro deputacións. Nos casos de Lugo e Ourense, os datos danos unha maioría moi folgada. Eu penso que o partido, despois depasar unha etapa de transición, está máis vivo ca nunca. -Nos últimos días asistimos a un cruce de acusacións entre os partidos galegos pola presunta manipulación do voto emigrante. ¿É tan importante? -O voto da emigración, que nos debe merecer a tódolos partidos o máximo respeto, volve a estar no punto de mira porque o procedemento para poder votar nas eleccións municipais é moi complexo e non facilita a participación maioritaria dos emigrantes. E iso provoca moitas suspicacias e situacións tan graves coma a que o Partido Popular denunciaba hai uns días, que o PSOE está a pagar pola obtención deses votos da emigración: paga unha porcentaxe. Iso é algo que considero moi grave. Ata hai pouco tempo, se nos acusaba a nós de manipular eses votos, pero nunca se chegou a unha posición desta envergadura. E creo que ó que lle hai que pedir responsabilidades é ó Partido Socialista. Por ese motivo quero aproveitar para solicitar a reforma da Lei Electoral, porque non é lóxico que en vez de poñer facilidades para que os emigrantes voten, se lles poñan máis atrancos, dado que ó ser un voto rogado hai que pedilo con antelación. E por iso tódolos partidos están aproveitando o movemento de persoas para invitalos a votar. -¿Pero eses votos son decisivos? -Eu creo que sí. Son case cen mil persoas as que van ter dereito a voto na provincia de Pontevedra e moitos concellos teñen un censo de residentes no exterior moi importante: tanto, que nalgúns casos supera o 50% do censo. -Vostede acaba de regresar do outro lado do Atlántico, ¿como están os galegos que viven en Arxentina e Uruguai? -Os galegos e os pontevedreses que están vivindo alí son xente maior, con moitos problemas de saúde. Por iso, na visita que fixemos, intentamos axudar, dentro das posibilidades da Deputación, ós centros asistenciais e residenciais para que os galegos con menos recursos teñan un lugar onde ir e posúan acceso ás medicinas. O maior problema que teñen neste momento é que viron reducidas as súas pensións desde a chegada do goberno socialista entre un 30 e un 40 por cento. Esta circunstancia failles máis duro poder vivir neses países. Esa é a principal queixa que nos trasmiten. Este non é a primeira viaxe que fago. Vou dúas ou tres veces ó ano a estar coa nosa xente. -¿Cal foi a razón da viaxe? -En primeiro lugar inaugurar unha bienal de arte. Esta foi a primeira vez que unha exposición da Deputación sae de Pontevedra e, ademais, por ser a primeira, queríamos adicarlla á emigración. E teño que dicir que si xa foi un éxito aquí, ó outro lado do Atlántico, en Bos Aires, o día da inauguración foron centos de persoas. Por iso, queremos levala tamén a Montevideo, porque nesa mostra hai artistas que son fillos de emigrantes. -¿Por que nesta ocasión a viaxe resultou tan polémica? -Pola cercanía das eleccións. Nos ademais dos actos institucionais, tivemos actos de partido e penso que o Partido Socialista intenta acusarnos dalgunhas cousas que eles fan a diario. Por iso suceden cousas tan curiosas como que nos acusen de manipulación porque a invitación que se repartiu levaba o nome de Rafael Louzán, como presidente da Deputación de Pontevedra e presidente do Partido Popular nesta provincia, algo que estes días eles mesmos fixeron ó anunciar a presentación da candidatura de Teresa Casal, na que se dicía que ía intervir o presidente da Xunta de Galicia e secretario do PSdeG-PSOE. Isto é rizar o rizo: eles fan cousas que logo denuncian. Eu non quero entrar en polémicas porque o noso traballo é totalmente transparante. -¿Pero tódolos partidos están a viaxar a Arxentina e Uruguai? -Cando nós volvemos, medio goberno de Galicia aterraba en Bos Aires e moitos deles aínda están alí e van volver. O señor Pérez Touriño usa dúas varas de medir: por un lado di que non vai intentar sacar réditos electorais ou partidistas; pero por outro lado están alí en momentos claves dun proceso electoral. Iso vén a confirmar que o señor Pérez Touriño se contradi el mesmo nas manifestacións que está a realizar nesta cuestión. O Partido Socialista e o Bloque Nacionalista Galego, en moitos momentos, chegaron a dicir que sería un escándalo que o voto da emigración decidise o goberno de Galicia, por exemplo. Eles dicían que sería moi grave que persoas que non coñecían Galicia tiveran decisión e, ademais, o Bloque Nacionalista na reforma do Estatuto quería que non votasen, argumentando que deberían ter dereito a voto as persoas que residan en Galicia. Todo isto é moi curioso, porque os dous partidos teñen unhas flamantes sedes en Arxentina e Uruguai. -¿Como se explica o que está a pasar? -Vivimos nun momento no que o Partido Socialista está nervioso, desnortado, precisamente polos malos resultados que lles dan as enquisas, eu penso que derivados dos desacertos que están a ter tanto no Goberno de Galicia como en Madrid. Eu creo que estamos a vivir unha situación de desgoberno e de confrontación que non nos leva a ningunha parte, provocada polo Partido Socialista. Agora faría falta un poco de sentido común nas accións de goberno que se están a levar a cabo tanto en Galicia como en Madrid e que están crispando a sociedade. -¿Nota vostede ese ambiente de crispación a nivel provincial? -Sí, independemente de que onde máis se noten sea en Madrid ou incluso en Santiago, pero é certo que hai moitas cousas das que están a suceder que nos fan pensar que o mundo está o revés. A xente non entende as decisións que se están tomando e agora mesmo o estado de dereito está en cuestión porque o goberno está a favorecer a persoas condenadas por terrorismo Nunca antes na historia de España se vivira un momento coma o actual. O Goberno central perdeu os papeis. Creo que necesitamos un cambio urxente e que o Partido Popular, na figura de Mariano Rajoy, que ademais é un pontevedrés, con tesón e sentido común é a alternativa que España necesita. O que está sucedendo agora é unha auténtica desfeita. E en Galicia, nos dous anos que leva o bipartito, non se fixo nada máis que rememorar cousas do pasado como a memoria histórica, que ó único que conducen é a confrontación. Se entre todos fixemos posible a democracia hai trinta anos, agora parece que estamos a revivir a Guerra Civil, cando todo o mundo fixo moitos esforzos por convivir en paz e superar o pasado. -¿É necesario refomar o suprimir as deputacións tal e como reclaman PSOE e BNG? -Eles piden isto porque non gobernan: o día que acaden o goberno eles mesmos dirán que as deputacións son importantes. O papel das deputación é moi importante, á hora de buscar o equilibrio entre as distintas poboacións, independemente do número de cidadáns que vivan neles. Nós somos o concello dos concellos. Cumprimos un papel fundamental e nestes catro anos lles demos un importante pulo ás infraestructuras de todo tipo, desde as culturais e deportivas pasando polas estradas. Aí está o acordo con Globalia, para ter 38 conexións con Madrid: ese é o pulo que lle estamos a dar ó Turismo. -¿Os dous proxectos estrela do seu mandato poden ser a ampliación do Museo provincial e o polígono Barro-Meis? -Hai moitos, pero eses dous son moi importantes. Pontevedra e unha cidade belísima, cun atractivo enorme e se a iso lle sumamos o novo Museo que vai ser un escaparate e que no seu interior vai a albergar centos de obras que agora están no almacén, sen lugar a dúbidas Pontevedra vai mellorar moito o seu atractivo cultural. E por iso estou moi contento de ter contribuido a que esa obra sexa un referente cultural, non só de Pontevedra, senon tamén de Galicia nos próximos anos. -¿E o polígono industrial? -Despois de tres anos, a única institución que vai poñer a disposición dos empresarios terreos é a Deputación de Pontevedra. Nos próximos días saen á venda as parcelas da primera fase do Polígono Barro-Meis, 600.000 metros cuadrados, dun total de dous millóns, que están estratexicamente situados conexión por autovía e autopista, con dous aeroportos a menos de media hora e con tres portos como son o de Vigo, Marín e Vilagarcía moi cerca. Nestes catro anos traballamos para facer posible este polígono que vai a xerar riqueza, tanto na comarca de Pontevedra, como na de Caldas o na do Salnés e que van permitir crear centos de postos de traballo. Pero tamén hai outros proxectos importantes. Estamos a construir 50 campos de fútbol de herba sintética que van facer desta provincia un referente a nivel nacional. No sector turístico apostamos por Pontevedra e compramos o Palacete das Mendoza para ubicar o Patronato de Turismo. Por todo iso e por moitas cousas máis estamos moi satisfeitos do traballo que levamos feito ata o de agora. -¿Como é a relación institucional co concello de Pontevedra? -O maior esforzo da Deputación por esta cidade fíxose nestes catro anos. Ademais do Museo ou do Patronato, aí está o campo de Pasarón que impulsou esta institución, ó igual ca Cidade Deportiva que se está a construir en Barro, porque aquí non había terreos. As rúas que se arranxaron e esa nova ponte que vai levantar a Deputación sobre o río Lérez e que vai servir para artellar as entradas á cidade. -¿Pode gañarlle Telmo Martín a Miguel Anxo Fernández Lores e a Teresa Casal? -Eu creo que acertamos coa elección de Telmo Martín, que chega cun aval contrastado e que vén a Pontevedra para transformala e modernizala, e vaino facer porque vai contar coa axuda dos cidadáns. Pontevedra necesita un cambio porque nestes momentos, tal e como di o Partido Socialista, temos un goberno que non escoita a ninguén e iso tendo en conta que eles son parte del. En Pontevedra non se fixo nada en 40 meses e a falta de 4 meses se poñen a levantar as rúas. Así non se convence os ciudadáns e de aí que estea condenado ó fracaso tal e como din as enquisas. -¿E seguirá a Corina Porro? -Si, porque si ata agora, estando en minoría, foi capaz de transformar o casco urbano e a periferia, penso que os cidadáns lle van ampliar a súa confianza dándolle una importante maioría. En Vigo hai un grupo do que me sinto orgulloso. Persoas entregadas por e para Vigo, como José Manuel Figueroa, vicepresidente desta Deputación, que está facendo un traballo impecable.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias