El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

GALICIA | UNIVERSIDADE

Os orzamentos da Universidade da Coruña medran lixeiramente

19-12-2018 14:54:13

A Coruña | As contas da Universidade da Coruña para o vindeiro ano obtiveron hoxe o 94% de votos favorables no Consello de Goberno, logo de que as Liñas Xerais Orzamentarias obtivesen un apoio do 87% do Claustro o pasado venres. O vicerreitor de Economía, Infraestruturas e Sustentabilidade, Domingo Calvo, presentou na sesión desta mañá o Anteproxecto de Orzamentos e o Plano Operativo Anual para o exercicio 2019 que tiveron este amplo respaldo e que terán que ser aprobados polo Consello Social para que entren en vigor. 

A Universidade da Coruña terá o vindeiro ano un orzamento de 129,97 millóns de euros, un incremento do 5,41% con respecto ao exercicio actual (123,30 millóns de euros) pero que segue a estar en niveis de crise, xa que non supera as contas de 2009 (137,8 millóns). 

As contas universitarias galegas seguen o marco do Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego 2016-2020. A UDC medra tanto en financiamento estrutural, basicamente polo incremento retributivo, como no financiamento por resultados, ao producirse unha notable mellora no panel de indicadores. O financiamento estrutural pasa dos 70,14 (2018) aos 72,12 millóns en 2019, mais este incremento vai dirixido integramente a sufragar o incremento dos custes de persoal. No caso do panel de indicadores, a evolución dos últimos anos crece do 21% en 2016 ao 24% para 2019, en termos absolutos isto supón preto de cinco millóns de euros máis. 

O reitor subliñou que “a Universidade da Coruña é rigorosa na súa xestión, como demostra que seguimos tendo débeda cero, e eficiente, como demostra a mellora nos indicadores de productividade” e reivindicou que a revisión do Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego para que sexa sostible. “Hai que facer unha modificación do PFSUG para que se dote de máis fondos á parte estrutural que é insuficiente para financiar a estrutura da universidade”, pediu Abalde, engadindo que “estamos de acordo en que haxa parte do financiamento por resultados; pese a que cando se seleccionaron os indicadores fomos críticos con eles porque eran sesgados para a UDC, traballamos para melloralos e tres anos despois estamos mellorando”. 

A principal fonte de financiamento das Universidades Galegas son as achegas da Comunidade Autónoma, o que supón aproximadamente un 78% dos orzamentos. As achegas restantes proceden de taxas ou prezos públicos ou ingresos patrimoniais, captación de fondos de investigación a través de proxectos autonómicos, nacionais ou europeos; outras achegas de empresas privadas, e remanente.  

Dentro das achegas da Comunidade Autónoma diferénciase entre un fondo estrutural e un fondo de resultados. A Universidade da Coruña mellora o fondo estrutural en 1,6 millóns chegando a 72,12 millóns, se ben o incremento é para atender ao aumento retributivo dos salarios para o ano próximo que se fixa nun 2,375%. A ese fondo do custo estándar hai que engadir as prazas do INEF, do SERGAS, o fondo de reforma, ampliación e mellora, tamén denominado fondo RAM. O total do fondo estrutural ascende a 78,511 millóns de euros. 

O fondo de resultados está formado fundamentalmente por dous subfondos: os complementos retributivos e compensación de matrículas, e o panel de indicadores. A Universidade da Coruña mellora a ponderación no subfondo do panel de indicadores, crecendo desde 21,04% a principios de 2016 ate 24,02%, no ano 2019. Isto supón un incremento de 2,385 millóns de euros con respecto ao ano 2018. Estes datos indican que a Universidade, no seu conxunto, está a mellorar o rendemento da actividade investigadora e de transferencia. 

No balance do exercicio económico do ano 2019, as principais partidas son as dos gastos de persoal, os gastos correntes, as transferencias correntes e os investimentos. No que se refire aos gastos, os gastos de persoal increméntanse nun 4,58%  o que supón un 74,19% do orzamento, alcanzando unha contía de 96,421 millóns de euros. Tamén incrementan o investimento en capital e os gastos correntes. Neste caso soben os subministros, materiais, mantementos, seguridade, combustibles, xardinaría, etc. En total, os gastos correntes ascenden a 16,533 millóns de euros, incrementándose nun 6,26% mentres que as transferencias correntes mantéñense nos 4,7 millóns de euros. No caso dos ingresos destacan as transferencias correntes con 95,27 millóns e os ingresos por taxas, prezos públicos (16,94 millóns) e transferencias de capital (16,71 millóns). 

Dentro das partidas orzamentarias de gasto para 2019, destaca o mantemento das bolsas e axudas directas ao estudantado, con 900.000 euros. Así mesmo, a Universidade da Coruña segue apostando pola investigación co mantemento dos fondos directos a investigación con 800.000 euros. 

Tamén destaca, segundo explicou o vicerreitor na sesión de Consello de Goberno de hoxe, a posta en marcha dos tres campus de especialización como son o Campus Industrial que xa se lanzou en xullo de 2016 e os Campus da Sustentabilidade e Campus Innova, que comezaron a súa actividade en xuño e novembro de 2018, respectivamente. Por medio destes Campus vaise implantar unha nova oferta de graos e mestrados que dean resposta ás novas necesidades sociais e de formación de profesionais que sirvan para impulsar sectores estratéxicos para a comunidade galega. 

Seguindo as directrices de mellora da calidade aprobadas na Comisión de seguimento do Plan de Financiamento do SUG, a UDC puxo en marcha tres programas. En primeiro lugar, o impulso de graos interuniversitarios (Grao en Paisaxe, xunto coa Universidade de Santiago de Compostela). En segundo lugar, os graos multilingües en inglés (co cumprimento acadado dun 80% de créditos obrigatorios impartidos en inglés e un mínimo de alumnos en primeiro curso de 20); e, finalmente, a mellora nos ránkings internacionais. 

A UDC púxose como obxectivo mellorar un 3% o indicador da Educación no ránking Times Higher Education, THE, e a mellora foi moi superior ás expectativas, aumentando un 16%. A UDC ademais implantou programas de aforro e mellora da xestión económica: a eficiencia enerxética, a compra pública centralizada e un programa de control de ingresos. 

Nesta mesma sesión de Consello de Goberno, o reitor, Julio Abalde, informou aos asistentes do proxecto Cidade das TIC no que a Universidade traballa conxuntamente co Cluster TIC para facer un polo de innovación tecnolóxica que aglutine nun mesmo espazo ás empresas do sector TIC e aos investigadores especializados nesta área, así como as spin off e start up de base tecnolóxica xurdidas na Universidade. Departamento de comunicación  





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias