Rodeada
de mulleres, militantes de base, a
portavoz nacional, Ana Pontón, presentou 1.252 avais á súa candidatura á
Presidencia da Xunta polo BNG, multiplicando por seis os apoios necesarios para
participar no proceso de elección que concluirá a mediados de xaneiro tras a
votación das bases nas asembleas comarcais previstas en todo o país.
Pontón trasladou o seu agradecemento a
todas as persoas que lle prestaron este apoio inicial á súa candidatura que
presenta “con ilusión, confianza e responsabilidade para afrontar o reto de
abrir un tempo novo en Galiza nas próximas eleccións galegas nas que imos ir a
por todas”.
Tras rexistrar os avais na sede
nacional, avanzou que o obxectivo persoal e colectivo da súa candidatura “é liderar
a próxima etapa na Xunta, liderar o cambio político do noso país que nos
permita deixar atrás unha década de recortes, precariedade e mentiras que
representa o Goberno de Feixóo, que nunca estivo á altura do país, que deixa unha
Galiza peor da que atopou e demostrou que tampouco ten un proxecto que
ofrecerlle os galegos e as galegas”.
A portavoz do Bloque destacou as
fortalezas que lle permite aspirar á formación nacionalista a ser o motor do
cambio.
“O digo con humildade pero con todo o
realismo pois ao longo destes catro anos como portavoz levamos a cabo un
proceso de renovación e de incorporación de novas persoas, nun proceso de suma
ao proxecto nacionalista que tivo a súa translación nunha organización
fortalecida e nun incremento do apoio social e electoral. Todo isto permítenos
estar en condicións de liderar a alternativa ao PP e abrir un tempo novo en
Galiza a partir de 2020”, argumentou.
De cara á cita coas urnas, Pontón
confirmou que o Bloque está traballando “desde xa” para estar á altura de todas
as persoas que teñen postas no BNG “as súa esperanzas para deixar atrás esta
etapa nefasta do PP,asumimos ese reto con todas as ganas, ilusión e traballo
sabendo que estamos en situación de poder afrontar con garantías as eleccións
galegas”.
Con independencia de cando se
convoquen, subliñou, “Feixóo vainos atopar cos deberes feitos e con todas as
ganas de dar o mellor de nós porque este país merece un futuro diferente que
aproveite todo o seu potencial, con máis
autogoberno, con capacidade para xerar emprego digno, que priorice a defensa dos
servizos públicos, que aposte pola nosa lingua e cultura, un país con máis democracia,
liberdade e dereitos”.
Canto máis BNG, menos PP
“Canto máis BNG, menos PP”, salientou
Pontón, en resposta tamén as críticas de Feixóo á formación nacionalista, “sabe
que imos ser clave para en 2020 deixar atrás o decenio negro das políticas da
dereita”, recalcou acompañada dun grupo de mulleres, militantes de base para
destacar tamén o papel que deben xogar as mulleres no tempo novo que se abrirá
en Galicia.
“Estou convencida de que hai moitos
actores importantes para levar a cabo ese cambio e un deles somos as mulleres,
por iso hoxe presento os avais rodeada de compañeiras que se implicaron na
candidatura, e porque estou convencida de que este tempo novo non só precisa
novos protagonistas, senón tamén que as mulleres sexamos decisivas”, concluíu.
Negociacións en Madrid
Preguntada polas negociación co PSOE
de cara á investidura, indicou que o BNG está traballando “con toda seriedade e
rigor para avanzar na defensa dunha axenda galega porque hai temas moi
importantes que seguen dependendo do Estado e as negociacións van a un ritmo
razoable. Dixémolo desde o principio: a discreción é importante e os e as
galegas saben que imos utilizar os seus votos para que Galiza teña voz no Congreso
e empecemos a ver solucións aos nosos problemas”. Departamento de comunicación