O
BNG vai presentarse o 5A cunhas candidaturas de “excelencia” que están en pleno
proceso de elaboración desde a base e que serán aprobadas definitivamente o 29
de febreiro polo Consello Nacional como máximo órgano entre asembleas.
A portavoz nacional e candidata, Ana Pontón,
avanzou que o obxectivo é incorporar “os mellores e as melloras” nunhas listas
que volverán sumar a persoas de todos os sectores, representativas da realidade
do país, na que as mulleres terán un gran protagonismo, -en coherencia co
radical compromiso do BNG coa igualdade-, e nas que a mocidade tamén xogará un
papel importante, “pois a Galiza do futuro constrúese da man da xente nova”.
Cos tempos acelerados tras o adianto
electoral, a formación nacionalista ultima o seu programa electoral, -coordinado
pola viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, e polo deputado Luís Bará,- que explicará a través dunha campaña de
proximidade, “na que podamos falar cara a cara, na que pisaremos moita rúa e
petaremos en todas as portas para pedir o apoio ao proxecto de país, sólido e
solvente, capaz de mellorar a vida das persoas que ten o BNG”.
“En definitiva: imos presentarnos ante
os galegos e as galegas cos mellores candidatos e candidatas, co mellor
programa electoral e coas mans libres para defender unha Galiza máis xusta, con
benestar social, orgullosa e na que poder vivir e traballar”, sintetizou Pontón.
A líder nacionalista aproveitou a
comparecencia para defender unha campaña en positivo e libre de mentiras e,
nese sentido, envía unha mensaxe para o candidato popular. “Advertímoslle ao PP e ao seu candidato
Feixóo que non imos deixar pasar por alto ningunha das súa mentiras, non imos
permitir que siga instalado na propaganda e no engano. É unha burda mentira a
súa declaración de independencia con Madrid tras dez anos de ser o presidente
da submimisión, do servilismo, do si
bwana, primeiro a Raxoi e agora a Casado, dez anos exercendo de dilixente
recadeiro, traizoando a Galiza e permitindo todas e cada unha das
discriminación e dos agravios a este país”, criticou.
“Que non intente agora esconder dez anos
de submisión porque non cola e as urnas van falar claro”, subliñou Pontón, tras
poñer exemplos de discriminación con Galiza nos que Feixóo foi cómplice
necesario. Como os 200 millóns de euros de débeda en dependencia,
o veto sistemático á transferencia da AP9, os retrasos no AVE, o recortazo nos
investimentos, o espolio enerxético ou un sistema de financiamento co que o
Estado fai caixa en detrimento do país. “E en todos os casos Feixóo calado e
non hai campaña publicitaria que lave esa década de traizón ao país”,
denunciou.
Por contra, “a única garantía de ter un
goberno coas mans libres é unha Presidencia liderada polo BNG, porque somos os
únicos que non temos máis obediencia que a de Galiza e non temos que pedirlle
permiso a ninguén para defender os intereses dos galegos e das galegas”. “Este
cinco de abril vai ser o ano do cambio en clave galega da man dun BNG que é a
garantía de políticas transformadoras”, concluíu. Departamento de comunicación