LUGO | O candidato do PSdeG-PSOE á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero,
inaugurou hoxe unha nova xornada do IdeaGaliciaLab que nesta ocasión
levou a Lugo o reto demográfico e as políticas públicas que se deben
poñer en marcha para paliar a situación, e formulou medidas concretas
neste senso, como a creación dun mapa de servizos básicos para toda a
poboación, “viva onde viva”.
Centrouse Gonzalo Caballero,
en compañía do presidente de Asturias, Adrián Barbón, na importancia de
ter “políticas activas” de emprego, de política social e de
vertebración territorial nunha comunidade que presenta “os peores datos
demográficos de España” -morren dúas persoas por cada unha que nace- e
onde hai agora 70.000 ocupados menos que cando chegou Feijóo, mentres en
España hai 650.000 máis.
“Por que en España se pode
crear emprego e en Galicia non?”, inquiriu o candidato socialista,
consciente de que eses 70.000 ocupados que se perderon serían unha
importante contribución á revitalización demográfica. Ao tempo, apuntou
que “hai máis paro de longa duración, máis fogares con todos os seus
membros en paro e menos oportunidades para a xuventude”.
Por
iso, Gonzalo Caballero propuxo “cambiar a política de Feijóo en materia
de empleo, porque foi un desastre”, apostando polo rural e pola
diversificación da actividade económica. Do mesmo xeito, chamou a poñer
fin á política de recortes nos servizos públicos levada adiante polo PP
dende a Xunta, toda vez que pechar escolas e centros sanitarios impide
que a xente quede a vivir no rural e que decida ter descendencia.
“Pero
Feijóo sempre tivo a bandeira dos recortes”, advertiu o líder do PSdeG,
para quen “o extremismo é pechar paridoiros, é abandonar a 600.000
galegos que están baixo o limiar da pobreza, é desfacer a sanidade
pública”. Replicou así as palabras de Rajoy, quen alertou contra os
“extremismos” onte en Ourense en compañía de Feijóo, Casado e Baltar.
Fronte á crise demográfica
Neste contexto, Gonzalo
Caballero defendeu unha política “centrada nas persoas” para construír
“a Galicia do futuro”, para o cal comprometeu que, se é presidente a
partir do 5 de abril, deseñará “un mapa de servizos públicos básicos que
garanta o acceso de toda a poboación galega a unha sanidade, unha
educación e unha atención aos maiores que sexa de calidade”.
Do mesmo xeito, apostou por traballar a carón dos concellos para
impulsar proxectos que permitan fixar poboación e por adaptar o sistema
de transporte público para “conectar” as distintas vilas e pobos, toda
vez que agora hai concellos illados entre si.
A maiores, o
candidato socialista garantiu a creación dunha axencia de
desenvolvemento rural e o reto demográfico que dependerá da Presidencia
da Xunta e que servirá como “garantía da defensa dos dereitos do rural”,
posto que avaliará o impacto neste eido das medidas do goberno. “Non
podería haber unha decisión como a do peche do paridoiro de Verín”,
exemplificou Gonzalo Caballero.
Debullado o programa, o
dirixente do PSdeG destacou que “Galicia paga a pena”. De cara ao 5 de
abril, engadiu, “temos que conseguir unha mobilización masiva para pasar
páxina ao pasado e abrir unha nova páxina de futuro”.
"Trabajar de la mano con Galicia"
Na
apertura da xornada participou tamén o presidente do Principado de
Asturias, Adrián Barbón, quen destacou a boa relación que mantén co
socialismo galego antes de sinalar “la necesidad imperiosa de que
Galicia y Asturias trabajen de la mano” porque hai moitos “problemas
comúns” nas dúas comunidades.
Un deles, como subliñou, é o
reto demográfico, unha cuestión na que o goberno do PP en España “no
actuó” e tivo que chegar Pedro Sánchez á Moncloa para deseñar “una
estrategia nacional” centrada neste eido. E é que, agregou, “de nada
sirve actuar” de xeito illado nalgunha comunidade se non hai medidas
coordinadas no Estado.
Con todo, Adrián Barbón defendeu
as medidas postas en marcha polo seu goberno de mantemento dos servizos
no rural para contribuír ao asentamento da poboación. “Mantenemos
escuelas rurales con cuatro alumnos”, exemplificou, ao tempo que puxo o
foco na estratexia de emprego para evitar o despoboamento.
"Falla de vontade" de Feijóo
Do
mesmo xeito, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, lamentou a “falla de
vontade” de Feijóo no que atinxe á demografía e, consciente de que “non
hai medidas máxicas” para corrixir a situación, si fixo fincapé en que
“nós temos ideas e proxectos”.
Por iso, celebrou que o
vindeiro presidente da Xunta vaia ser Gonzalo Caballero, unha persoa
comprometida co “desenvolvemento do territorio”, fronte a un Feijóo que
publicitou a lei de revitalización demográfica e o propio CES, “dirixido
por un exconselleiro de Feijóo”, criticou que “non ten medidas
concretas nin orzamento”.
En paralelo, a secretaria
provincial do PSOE de Lugo, Patricia Otero, sinalou que a súa é “unha
das provincias máis abandonadas por Feijóo”, quen “non fixo nada” a
pesares dos seus “eslóganes publicitarios”.
E, ante o
baleirado do medio rural, subliñou que cómpre tomar medidas que
contribúan a estimular a creación de emprego, que supoñan poder contar
con “servizos públicos de calidade” e coas infraestruturas axeitadas.
“Pero o PP non aposta por isto”, lamentou, para recriminar a Feijóo a falla de prazas públicas para maiores e os recortes en escolas infantís e centros médicos.
Pola
súa banda, a coordinadora de IdeaGaliciaLab, Noelia Otero, puxo o foco
no “grande problema” que constitúe a caída da natalidade e lamentou “a
desatención absoluta” do goberno do PP de Feijóo desta cuestión. Departamento de comunicación