SANTIAGO DE COMPOSTELA | A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón cualificou de “inasumible”, en termos democráticos, o
auto da Audiencia provincial que permite á familia Franco “baleirar o Pazo de Meirás”,
un ben declarado de Interese Cultura e afirmou que “ a Xunta e o goberno Central
teñen instrumentos na súa man para evitar un novo saqueo da familia Franco en
Meirás.”
O
auto, dixo a nacionalista, ven a dicirnos que
biblioteca de Pardo Bazán, o mobiliario da época, as estatuas do Pórtico
da Gloria de Isaac e Abrahan, así como numerosos bens inventariados e con
acreditado carácter público, son propiedade da familia Franco, “un desprosito”
reiterou Pontón. Nesta situación, urxe reaccionar e denunciar que
estamos ante “unha xustiza ao revés” e diante dun auto trufado de
“valoracións e expresións incompatibles
coa sensibilidade democrática e respecto á dignidade das vítimas do
franquismo”.
Para portavoz do BNG, as últimas dúas sentenzas da Audiencia Provincial representan
“unha anomalía democrática do Estado español”. Estamos, dixo, pagando a factura dunha transición que “legalizou
o franquismo, branqueou a Ditadura,
instaurou a impunidade dos crimes, permitiu que a familia do Ditador gozase de
todo tipo de honras, prebendas e privilexios”. Os pozos negros da transición,
remarcou Pontón “seguen botando por fóra”.
Por decencia e dignidade democrática, engadiu, débese
aprobar unha lexislación que derrogue a lei de amnistía, ilegalice o réxime
franquista, permita esixir responsabilidades e pedir contas polos crimes e roubos. Pontón anunciou que o BNG levará ao Parlamento galego,
con urxencia, tres propostas para demandar ao goberno do Estado un novo recurso en defensa da titularidade
pública dos bens mobles que deben formar parte do BIC, necesarios para explicar
a súa historia, como parte integrante e inseparábel do conxunto e de titularidade ou de dominio público.
O BNG reclamará á Xunta,
adoptar todas as medidas previstas na lexislación, incluíndo medidas
cautelares e urxentes, para garantir a
unidade e integridade dos bens mobles que forman parte do BIC Torres de Meirás
co fin de impedir un novo saqueo de bens
que foron resultado do espolio franquista. E, neste sentido, advertir á
familia Franco da imposibilidade de sacar de Meirás todos aqueles bens que non
sexan os obxectos e utensilios de uso estritamente persoal e privado. Neste sentido, aseverou que resulta “unha burla” que a
Xunta só queira protexer as estatuas do
mestre Mateo e as obras da biblioteca de Pardo Bazán.
O BNG tamén instará ao goberno galego a incoar de maneira urxente o procedemento para
a inclusión no BIC Torres de Meirás dos bens mobles que pola súa vinculación co
inmoble forman parte inseparábel del, así como a aplicación provisional a estes
bens mobles do réxime de protección previsto para os bens de interese cultural.
Nesta liña indicou que “as institucións galegas non poden
permanecer impasíbeis diante dunha nova afronta e dun paso atrás no camiño da
recuperación plena de Meirás” porque o proceso para a devolución do Pazo, vai máis
alá de recuperar un edificio, “trátase
de restituír a verdade, facer xustiza e reparar a memoria das persoas que
sufriron a represión franquista”.
Para a portavoz nacional do BNG, estamos ante unha batalla
simbólica e unha loita pola dignidade colectiva, que se resolverá
definitivamente cando se “recuperen todos os bens espoliados, se expulse definitivamente o franquismo de
Meirás e de Galiza, e se faga unha verdadeira reparación, simbólica e material,
das persoas que sufriron o terror e o espolio”. Departamento de comunicación