SANTIAGO DE COMPOSTELA | Este venres a iniciativa que logrou que Twitter comezara a
publicar chíos en vez de tweets, celebra o seu décimo aniversario. Un
día de celebración ao que se están sumando personalidades do mundo
académico como Presidente da Academia Galega, Víctor Freixanes, ou
Rosario Álvarez, así como persoas relacionadas como mundo Marilar
Aleixandre ou Arancha Nogueira da literatura, Marcus Fernández do
activismo dixital, Monti Castiñeiras e Carlos Ares da televisión, Kiko
Novoa e Alfonso Hermida do xornalismo ou mesmo representantes políticos
como Mercedes Queixas e Ana Miranda do BNG; e Noa Diaz do PSdeG.
Despois
dunha reivindicación intensa en que se logrou traducir esta plataforma
en apenas seis meses, o Twitter en galego é un dos proxectos dixitais
máis antigos que segue manténdose en activo. O creador da iniciativa,
Carlos Vieito, salientou que "o Twitter en galego non vai descansar até
que sexa posíbel poder chiar tamén dende todos os dispositivos móbiles".
E é que de momento o Twitter só se pode configurar en galego na versión
web, pois "o galego segue en fase beta a igual que outras linguas como o éuscaro ou o irlandés" destacou Vieito.
Destacan
que de aí a importancia de manterse activos até lograr todos os
obxectivos cos que naceu este proxecto dixital: poder configurar o
galego e normalizar a lingua nesta rede social. "É fundamental termos a
posibilidade de poder, se quixer, configurar calquera aplicación na nosa
lingua, mais é moito máis primordial que os usuarios e usuarias destas
plataformas poidan sentirse cómodas comunicándose na súa lingua, sen
estar sometidas a ningunha presión ou prexuízo" explicou. A iniciativa,
mentres segue á espera de que se permita acceder novamente ao Twitter
Translation Center para poder actualizar a versión móbil, segue a
traballar na divulgación de contidos referentes da cultura galega e
dinamización da lingua. Departamento de comunicación