SANTIAGO DE COMPOSTELA | O BNG levará a este próximo pleno do Parlamento galego distintas
iniciativas para, por unha banda, impulsar a posta en marcha dun Plan Galego de
Emprego Xuvenil que permita afrontar o contexto de “desemprego, temporalidade e
precariedade” que vive a mocidade e, por outra, propoñer a eliminación de
determinadas tipoloxías de contratos, “especialmente lesivas para a xente nova,
como os contratos de formación ou en prácticas”.
Así
o avanza o portavoz nacionalista de Mocidade na Cámara, Paulo Ríos, quen
advirte de que a crise orixinada pola pandemia “veu poñer de manifesto os
graves problemas estruturais que vive o noso país, con consecuencias que
comezan a verse a día de hoxe”.
Neste
sentido, recorda que a mocidade é unha das grandes prexudicadas no ámbito
laboral, “cunha destrución de emprego de máis de 15.000 postos de traballo” e cun
contexto onde, segundo recalca, “só 2 de cada 10 mozxs recuperaron o emprego
despois deste ano de pandemia”.
Ríos
pon o foco no feito de que os postos de traballo destruídos concéntranse maioritariamente
naqueles sectores que acumulan maiores índices de ocupación entre a mocidade,
como son os da hostalería ou o comercio, “sectores especialmente precarios e
onde a temporalidade son a norma”.
Así
pois, o deputado nacionalista tamén defenderá no pleno a necesidade de derogar
as distintas reformas e contra-reformas laborais do PP e o PSOE, sobre as que
xa ten manifestado que están a facilitar que as grandes empresas sigan
aproveitando a posibilidade de acollerse a contratos temporais e aos baixos
salarios co obxectivo de acadar máis beneficios.
A
diferenza das políticas de emprego desenvolvidas polas dúas forzas estatais,
“dende o BNG entendemos que apostar pola mocidade é apostar polo futuro deste
país”, conclúe o portavoz de Mocidade para explicar as razóns polas que a
fronte nacionalista levará á vindeira sesión plenaria este paquete de
iniciativas. Departamento de comunicación