FERROL | Manuel
Rico, director de investigación de infoLibre, recolleu hoxe no
Centro Torrente Ballester de Ferrol o XVII Premio José Couso de
Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas
de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol. Nos actos de entrega, cunha
capacidade máxima moi limitada polas restricións sanitarias, participou
tamén Lorenzo Milá, gañador da anterior edición, que o ano pasado non se
puidera trasladar á cidade departamental por mor da pandemia.
Os
actos de entrega da XVII edición do Premio José Couso de Liberdade de
Prensa, organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia
(CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol, tiveron lugar esta mañá en Ferrol.
As restriccións provocadas pola crise sanitaria fíxeronse notar nunha
cerimonia que non só se viu reducida en extensión e público, senón que
por primeira vez xuntou a dous premiados: Manuel Rico, galardoado nesta
edición, e Lorenzo Milá, gañador no 2020, que non puidera viaxar a
Ferrol o ano pasado.
O
programa deu comezo ás 10:30 coa tradicional ofrenda floral na estatua
‘Ás Ceibes’ de Manuel Patinha, situada no Cantón de Molíns. Ás 13:00
horas, a capela do Centro Torrente Ballester acolleu a entrega do
premio, presentada por Marta Corral. No acto, xornalista Ángel Carracedo
deu leitura a un manifesto en nome da organización, redactado por el
mesmo, que lembrou o compromiso coa liberdade de prensa dos premiados,
de José Couso e dos recentemente asasinados Roberto Fraile e David
Beriain. Carracedo asegurou que "malia a falta de credibilidade aínda
somos unha ferramenta útil para a xente, este oficio aínda ten a
capacidade de cambiar o mundo e o noso traballo é fundamental para
construírmonos unha sociedade mellor, máis igualitaria, máis libre, máis
crítica, menos corrupta, menos manipulable".
A
continuación, a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Xulia Díaz
Sixto, e o decano do CPXG, Francisco X. González Sarria, entregaron o
XVII Premio José Couso a Manuel Rico, xornalista de investigación. Rico
agradeceu o premio e salientou que recibilo por causa da súa
investigación sobre as residencias é unha lección "de que o xornalismo
ten que mirar máis a lugares que moitas veces permanecen fóra do foco,
pero onde están en xogo cousas certamente importantes, como o coidado e a
dignidade dos maiores". Lorenzo Milá, galardoado na edición do ano
pasado, tamén recibiu o seu premio, tras o que quixo insistir en que "a
responsabilidade da liberdade de prensa recae nos xornalistas e nos
medios, pero tamén na cidadanía". Pechou o acto o alcalde de Ferrol,
Ángel Mato, quen anunciou que vai propór ao Concello un convenio estábel
para garantir que o Premio Couso se entregue sempre na cidade
departamental.
Ademais,
ambos os dous premiados participaron dun coloquio no Centro Torrente
Ballester, organizado polo Concello de Ferrol, no que se trataron temas
como a polarización dos medios, as fake news, a precariedade
laboral na profesión, o control político e económico, o xornalismo local
ou a fenda de xénero. Milá lembrou que "a velocidade sempre vai contra o
rigor" e defendeu que "a persoa que queira dedicarse ao xornalismo ten
que ser, na medida do posíbel, honesta". Pola súa banda, Rico expresou a
súa confianza en que "sempre vai haber unha porcentaxe da poboación que
vai querer información crítica" e insistiu en que a valía dos
profesionais do xornalismo non depende de onde traballen: "A única
diferenza entre Madrid e Santiago é o eco". Os dous galardoados asinaron
tamén no libro de ouro da cidade.
Os premiados
Manuel
Rico Prada, gañador da XVII edición do Premio José Couso, naceu na vila
berciana de Fabeiro en 1967. Licenciouse en Xornalismo na Universidad
de Navarra e ten un mestrado de Estudos da Comunicación pola University
of Missouri-Columbia, ademais de ser graduado en dereito pola
Universitat Oberta de Catalunya. A súa carreira como xornalista comeza
como redactor de El Correo Gallego en 1990. Tres anos despois pasa ao xornal El Mundo
como correspondente e, posteriormente, subdelegado en Galicia, para
exercer finalmente de responsábel de local na edición do País Vasco. No
2000 incorporase ao Grupo Zeta en Madrid, onde puxo en marcha a edición
dixital de Interviú e logo foi redactor xefe desta revista, para ocupar finalmente o cargo de subdirector de Tiempo.
En 2007, coa posta en marcha do xornal Público,
entra a traballar como redactor xefe de política, ocupando
posteriormente os cargos de xefe de redacción e subdirector. En 2009 foi
demandado xunto a outros xornalistas de Público por Ignacio
González, tras teren publicado informacións que detallaban o seu papel
en adxudicacións públicas sospeitosas. A demanda foi rexeitada por
varios tribunais. En 2013, pasa a formar parte do equipo fundador do
dixital InfoLibre, primeiro como director e, desde o ano pasado, como
director de investigación. Durante
a pandemia investigou a situación das residencias de maiores, moitas
das cales están en mans de grandes grupos privados, un traballo que vén
de plasmar no libro Vergüenza, el escándalo de las residencias.
Ademais,
foi presidente da Asociación de Xornalistas de Santiago de Compostela
entre 1995 e 1997 e participou da posta en marcha do Colexio Profesional
de Xornalistas de Galicia. É membro tamén do Colegio de Abogados de
Madrid.
Pola
súa banda, Lorenzo Milá Mencos, galardoado na edición anterior, ten
unha longa traxectoria profesional como correspondente de TVE, onde ten
cubertos diferentes acontecementos mundiais do mesmo xeito rigoroso e
profesional. É un dos xornalistas que personalizan a mellor época de
independencia do ente público, como así o demostran os informativos que
presentou en La 2 e en Telediario 2. Desde o 2014, é o correspondente en Italia, desde onde está a facer a cobertura profesional sobre a COVID-19.
O
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do
Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de
Ferrol, organizan o premio José Couso co obxectivo de recoñecer e
difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente
destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable
traxectoria profesional, libre e independente. Ali Lmrabet (2005); Le Monde Diplomatique
(2006); Jon Lee Anderson (2007); José Vidal – Beneyto (2008); Rosa
María Calaf (2009); Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010); WikiLeaks
(2011); o Consejo de Informativos da RTVE (2012); Mónica García Prieto
(2013), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas
(2014), Jordi Évole (2015), Miguel Ángel Aguilar (2016), Xosé Hermida
(2017), Julia Otero (2018), Defende A Galega (2019), Lorenzo Milá (2020)
e Manuel Rico (2021) foron ata agora os galardoados coa estatuiña das
‘Ás Ceibes’ do escultor Manuel Patinha. Departamento de comunicación