MADRID | O deputado do BNG, Néstor Rego, rexistra varias iniciativas no Congreso
para recuperar todas as liñas e frecuencias que se cancelaron durante a
pandemia xerada pola COVID-19. Así mesmo, o deputado nacionalista reclama a
baixada das tarifas dos billetes nos trens AVANT que conecta as principais
cidades da Galicia tras a nova política de ofertadas anunciada por Renfe.
Coa crise do coronavirus, o
Goberno do Estado suprimiu diferentes liñas de tren na Galiza de larga distancia e mesmo o tren hotel que
conectaba o país con Madrid e Barcelona. Mesmo liñas con alta demanda como o
das 6.45h, saída de Ourense e destino A Coruña con parada en Santiago, non
foron recuperadas a pesar de que a formación nacionalista leva máis de oito
meses urxindo a recuperación da frecuencia. “Esta liña é necesaria para os
numerosos desprazamentos diarios de traballadores e traballadoras, así como de
estudantes que se desprazan até a Universidade de Santiago ou Coruña” enfatiza
o deputado nacionalista.
“Estas son as consecuencias de obedecer a un modelo centralista que prima
as conexións con Madrid no lugar de conectar as principais vilas e cidades da
Galiza” subliña Rego mentres recrimina que as escasas liñas e frecuencias do
país non se adecúan aos horarios laborais e estudantís. Isto provoca, en verba
do deputado, un “éxodo do interior do país que, sen conexións co resto de
cidades e vilas, tanto estudantes como traballadores e traballadoras se ven
obrigados a marchar á cidade ou vila onde traballan”.
Así
mesmo, a organización nacionalista reclama ao Ministerio de Transportes unha
baixada de prezos estabelecidos para os billetes AVANT que conectan as
principais cidades do país. A nova política de ofertas anunciada permitirá ir
en AVE de Madrid a Barcelona por 27 euros. “Un percorrido de 360 quilómetros,
que conecta Madrid con Valencia, valerá 18 euros, o mesmo prezo que lle custa a
un ourensán ou ourensá coller un tren de Ourense a Santiago mais tendo só 104
quilómetros de percorrido” explica o deputado nacionalista.
“Este
mes comezaron a funcionar os trens AVLO de Madrid a Barcelona que permitirán
viaxar por tan só sete euros, case o mesmo prezo que custa un billete da cidade
de Santiago até A Coruña” destaca Rego. A organización frentista considera
excesivo o custo dos billetes AVANT na Galiza e sinala que, de non aplicarse
algunha rebaixa ou bonificación nestas tarifas, estarase cometendo outro
agravio histórico máis para os galegos e galegos, sumado a falta dun servizo de
ferrocarril que permita conectar as principais vilas e cidades.