El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Economí­a

GALICIA | PLAN DE MARISQUEIRO

O BNG exixe ao MITECO que retire o recurso contra o Plan Xeral Marisqueiro

20-05-2021 16:22:43

MADRID | O Bloque Nacionalista Galego rexistra iniciativas no Congreso para exixir ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico a retirada do recurso contencioso administrativo polo que impugna o Plan Xeral de Explotación Marisqueira 2021-2023. O deputado nacionalista explica que esta acción supón unha inxerencia en competencias exclusivas da Galiza en materia de marisqueo e acuicultura e recrimina esta actuación en contra dos intereses dos e das mariscadoras.

O recurso presentado polo MITECO impugnou o a orde, dialogada entre a Consellería e o sector marisqueiro, que por vez primeira ten carácter plurianual, ante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza. Esta acción xudicial chega despois de facer un requirimento á Consellería en que exixía a retirada da orde alegando que Administración galega non solicitara informe ao Goberno “mais esquécense de que as competencias son propias do Goberno galego”.

Tal e como xa se puxo de manifesto ao Ministerio, ese informe non é preceptivo neste caso, pois a orde non afecta ás concesións ou autorizacións administrativas en dominio público marítimo que son competencia do Estado. A norma non regula as concesións, e polo tanto, tal e como xa pasou coas anteriores ordes ditadas desde os anos 90, non debe ser informada. “O Plan pactado co sector marca as directrices que regularán a explotación sustentábel dos recursos marisqueiros nas zonas de explotación xa existentes. Atende á mesma materia que recollían os plans anteriores, publicados anualmente pola Consellería do Mar” destaca Néstor Rego mentres lembra que ningunha das ordes anteriores se considerou precisa a petición dun informe preceptivo previo do Ministerio.

“O Goberno do Estado, con esta demanda, está a demostrar unha actitude irresponsábel, non só pola clara inxerencia nas competencias exclusivas de Galiza na ordenación do marisqueo e a acuicultura, se non, sobre todo, polas graves consecuencias que terá para o sector” enfatiza o deputado do BNG. Rego explica que, ante a suspensión ou derrogación do Plan agora en vigor, o sector “quedaría sen a normativa que regula a súa actividade e ademais supoñería derrogar tamén os plans elaborados polas confrarías e asociacións de mariscadoras e mariscadores”.

A orde recolle un total de 94 plans de xestión, deseñados por 63 confrarías e outras entidades, dos que 52 ordenan o marisqueo a pé, e 35, o á boia, ademais de incorporar outros sete mixtos. A derrogación desta normativa afectaría así, a unhas 3.700 persoas que se dedican ao marisqueo a pé, en maior parte mulleres (case as tres cuartas partes do total), e a uns 5.000 produtores dedicados ao marisqueo á boia.

En conclusión, para a formación nacionalista, esta reclamación “supón unha intromisión intolerábel en competencias propias do pobo galego”. Así mesmo, Rego alerta que esta acción afectará “moi negativamente a todo o sector marisqueiro da Galiza, que pode verse privado dunha normativa certa que regule a súa actividade. O MITECO debe rectificar e retirar o recurso interposto ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e respectar, así, o marco normativo e competencial”. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias