SANTIAGO DE COMPOSTELA | Galicia está
inmersa nun segundo boom de
depredación eólica no que o Goberno do PP se coloca a favor do lobby eléctrico e en contra da cidadanía,
mentres sube a factura da luz, subida que en Galiza é especialmente “aberrante”
por ser produtora de electricidade. Neste contexto, indicou a portavoz
nacional, Ana Pontón, o BNG leva o asunto ao pleno do Parlamento, tras a masiva
manifestación a favor dun modelo sustentable a favor do País.
“Feixóo ten que
aclarar de que lado está, se dos que defenden os intereses de Galiza, das
PEMES, das familias ou se vai seguir abrazado ao lobby aoenerxético, facendo de comercial de Iberdrola, de Naturgy e
doutras multinacionais eléctricas colocando os recursos do País ao seu
servizo”, salientou a líder nacionalista, ante un presidente da Xunta, “que
actúa como o principal valedor do espolio enerxético do País”.
Un papel que
Feixóo exerce, recalcou, desde o minuto cero da súa chegada á Presidencia, con
decisións inmediatas como a de suprimir a participación pública voluntaria como
criterio na adxudicación de novos parques eólicos ou a aprobación en tempo record dunha nova lei “que lle deu
patente de corso ás eléctricas para aproveitarse dos recursos naturais sen máis
contrapartidas que unhas migallas” en forma de canón eólico.
A modo de
exemplo de até que punto este canón representa unha contía ínfima sobre os
beneficios eólicos, Pontón citou como exemplo o Parque eólico de Ourol da
empresa Greenalia, na que encontrou
acomodo a ex conselleira de medio ambiente Beatriz Mato “a través das portas
xiratorias”. Cun beneficio bruto estimado de 2,1 millóns de euros nesa explotación, o canón
estimado é de 11.500 euros, un 0,55%: “migallas para o público tras elaborar unha
normativa á medida das eléctricas que responden recolocando a ex cargos do PP”,
sintetizou Pontón. Urxe mudar este
modelo de espolio no que Galiza asume os custes ambientais, sociais e
económicos mentres que os beneficios emigran, e nin sequera se traduce en
postos de traballo como se empeña en difundir a propaganda do lobby eléctrico.
“O consello de
Muras con 381 aeroxeneradores, o de máis muíños de toda Galiza, e dous postos
de traballo fixos. O único beneficio real foi o decretado polo goberno
municipal do BNG abaratando o prezo da luz aos seus veciños e veciñas”,
explicou.
Pontón vai
aproveitar a sesión de control para pedirlle a Feixóo que rectifique un modelo “depredador”
dos recursos eólicos do País, que só utiliza Galiza como subministradora de
materias primas a favor de multinacionais”.
“Eólicos si,
pero cun modelo sustentable, que respecte á poboación do rural e que utilice a
enerxía que se obtén para desenvolver riqueza e emprego aquí, reclamando que
temos dereito a pagar un prezo máis barato pola luz, a través dunha tarifa
eléctrica galega, precisamente para compensar os custes sociais e ambientais de
xear electricidade. E tamén imos solicitar que se reduza do 21% ao 4% o prezo
da electricidade, porque non se trata dun produto de luxo senón dun ben de
primeira necesidade”, concluíu. Departamento de comunicación