SANTIAGO DE COMPOSTELA | O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, centrou hoxe a sesión
de control ao presidente da Xunta na necesaria loita contra o cambio
climático, un eido no que denunciou “un claro déficit” por parte do
goberno galego. “Non hai un planeta b nin unha Galicia b, por iso cómpre
protexer a Galicia a: a Galicia auténtica, a Galicia verde”, remarcou.
“Está
en xogo o dereito ao futuro”, incidiu Gonzalo Caballero antes de esixir
a Feijóo que “abandone as políticas tóxicas” e que “aposte por unha
axenda verde” para o noso país. “Galicia non pode ser a última
comunidade de España en políticas medioambientais”, advertiu, para
requirir ao mandatario “compromiso ecolóxico” tras o “suspenso rotundo”
nesta materia por parte do seu goberno.
O líder
socialista xustificou ese “suspenso claro” no feito de que Galicia é a
última comunidade de España en porcentaxe de superficie protexida como
Rede Natura, cun 11% do territorio fronte ao 27% da media estatal, ou en
que “temos o peor plan director da Rede Natura de España” segundo WWF.
Esa
cualificación tamén se mantén no que atinxe á “conservación real” dos
parques naturais, toda vez que, tal e como referiu o máximo responsable
do PSdeG, “dous dos seis” que existen en Galicia -as Fragas do Eume e a
Serra do Xurés- carecen aínda de plan de xestión, o cal incumpre o marco
legal.
No relativo á protección da flora e da fauna,
Gonzalo Caballero denunciou que ningunha das 126 especies que se atopan
en situación vulnerable contan cun plan de recuperación e que só o teñen
tres das 75 en perigo de extinción. Todo iso, recordou, a pesares de
que a lei de biodiversidade obriga á súa aprobación.
A
continuación, criticou que a taxa de reciclaxe en Galicia “non chega ao
20% cando o obxectivo europeo está no 50%”, na liña da aposta da Xunta
pola incineración. “Non apostan pola reciclaxe nin pola economía
circular”, reprobou o voceiro do PSdeG no Parlamento galego.
A defensa da biodiversidade forestal tampouco foi unha prioridade da
Xunta, reflectiu o dirixente socialista, consciente do “retroceso na
protección dos bosques autóctonos” e dos problemas derivados dos
incendios polo pouco coidado dos montes. Ademais, afondou en que 21 anos
despois da aprobación da directiva europea da auga aínda hai “moitas
zonas de Galicia onde non se pode mariscar pola contaminación”.
A
maiores, o voceiro parlamentario do PSdeG censurou que hoxe o orzamento
da Xunta para políticas de medio ambiente sexa “un 35% máis baixo” que
hai 12 anos, o correspondente ao último ano do goberno progresista
presidido por Emilio Pérez Touriño. “A súa nota, señor Feijóo, é un
suspenso claro”, remachou Gonzalo Caballero, crítico coa “ausencia de
compromiso verde” do PP.
Outro aspecto no que baseou Gonzalo
Caballero o “suspenso” da Xunta en política medioambiental foi a mala
planificación do modelo enerxético. “Obviaron as dificultades do carbón e
vostede seguiu defendendo ese modelo contaminante cando xa non o facían
nin as propias empresas”, reprobou.
De feito, o máximo
dirixente do PSdeG acusou a Feijóo de actuar como “delegado” de empresas
que producían enerxía con carbón e que se amosaron “máis ecoloxistas
que vostede” cando decidiron reconverter a súa actividade antes do prazo
estipulado.
E, logo de criticar que o goberno galego
pasou de “desprezar as enerxías renovables” a “avanzar sen rumbo” por
esta vía, Gonzalo Caballero tendeu a man para selar “un pacto verde” en
Galicia.
Neste escenario, o responsable do socialismo
galego instou a Feijóo a “facer unha emenda á totalidade á súa política
medioambiental” para sacar a Galicia “do último posto da lista”. “Ten
que elixir entre ser un axente do cambio ou un axente contaminante”,
finalizou Gonzalo Caballero. Departamento de comunicación