SANTIAGO DE COMPOSTELA | A Comisión
Europea ven de dar luz verde ao plan do Goberno central para empezar a recibir
os fondos europeos de recuperación, -Next
Generation-, cunha primeira partida de 19.000 millóns de euros para 2021. Neste contexto,
a portavoz nacional, Ana Pontón, de visita en Valdeorras, critica que aínda
hoxe o presidente da Xunta non teña remitido ao Parlamento o plan do Goberno
detallando prioridades, proxectos e investimentos para Galiza, máis aló dunha
sucesión de anuncios.
“A pregunta é
moi clara: onde está o plan do Goberno da Xunta para garantir que Galiza recibe
os fondos que lle corresponden? O que temos é escurantismo e falta de
estratexia que lle poden facer perder a este País unha oportunidade, e temos un
Feixóo que en lugar de pensar no interese xeral parece máis implicado en ser
útil a un par de grandes empresas”, denunciou.
“Seguimos sen
coñecer cal é a proposta deste Goberno para que Galiza non sexa discriminada, e
todo o que temos é unha sucesión de anuncios con cifras e datos que cambiaban
en cada presentación. Nun tema tan importante non se pode actuar desde a
irresponsabilidade de carecer dunha estratexia que permita que eses fondos
cheguen e axuden a levantarse da crise, non vale con quedarse na publicidade e
na propaganda”, argumentou.
A portavoz
nacionalista critica que o Parlamento non teña recibido unha documentación
clave e reiteradamente solicitada polo BNG, o que da unha idea da falta de
rigor do Goberno do PP. “Estamos preocupadas polo centralización dos fondos e
porque sexan condicionados a novos recortes de dereitos aos traballadores e
traballadoras”, alegou, “Galiza non pode quedar discriminada e, ante un tema
que é crucial, o Goberno de Feixóo, nin está, nin se lle espera”.
Ribeira Sacra
Pontón tamén
fixo referencia ao desastre provocado pola sarabia no sector vitivinícola da Ribeira
Sacra, á que traslada todo o apoio do BNG que, -avanzou desde Valdeorras, tamén
comarca vitivinícola-, que a formación nacionalista levará a petición de axudas
ao Parlamento.
“Imos propoñer
na Cámara a declaración de zona catastrófica para que se poidan activar axudas
aos propietarios e ás adegas afectadas pola sarabia que, segundo explican desde
o propio sector, ten causado un dano cuantioso tanto á colleita actual como nos
propios viñedos que afectará tamén á produción máis aló deste ano”.
A da Ribeira
Sacra é coñecida como a “viticultura heroica” con toda a razón, -subliñou-, “e
agora toca que desde a Administración se estea á altura para superar este revés
que ten un impacto económico evidente, por iso urxen axudas para que este
desastre non supoña a ruína de ningún produtor ou adega na comarca”, recalcou
E todo iso nun
contexto de crise derivada da pandemia que tamén supuxo dificultades engadidas
porque o peche da hostalería tivo unha repercusión evidente na comercialización
dos produtos do sector do viño, que é clave, desde o punto de vista económico e
social para a Comarca da Ribeira Sacra.
Un sector que
ten, ademais, “un papel fundamental na preservación do medio ambiente, porque
impide o abandono das terras e a despoboación do rural, evitando os efectos
negativos”. E, nese sentido, máis aló das necesarias axudas, hai que tomar
medidas para afrontar a emerxencia ambiental, o cambio climático e a perda de
biodiversidade, porque nos xogamos moito no económico, no social, e mesmo en
termos de saúde na prevención de pandemias. Departamento de comunicación