El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Economí­a

BANCA

O BNG propón converter o ICO nunha verdadeira Banca Pública

21-06-2021 16:12:06

MADRID | O BNG vén de rexistrar no Congreso iniciativas para converter o Instituto de Crédito Oficial (ICO) nun instrumento de dinamización económica co obxectivo de que financie proxectos e dea crédito a entidades públicas, persoas emprendedoras, investigadoras e PEMES. Para logra este obxectivo, a PNL presentada polo BNG sinala que é necesario dotar ao ICO dunha estrutura territorial maior e de medios humanos suficientes, así como aumentar as súas asignacións nos Orzamentos Xerais do Estado e un órgano de goberno plural con sistemas de control adecuados. 

“Entendemos que no momento actual, o conxunto do Estado necesita que non se desvíe gran parte do investimento cara aos mercados financeiros abandonando a economía real do pequeno tecido produtivo” sinala o deputado do BNG. “É necesario evitar a exclusión financeira daqueles colectivos máis vulnerables e axudar a moderar os abusos que sofren as persoas usuarias por parte das entidades bancarias que buscan só mellorar as súas marxes de beneficio” explica.

Para lograr abordar os retos que a crise derivada da pandemia trouxo e atallar a acelerada desindustrialización ou atender á investigación e desenvolvemento, “precisamos contar cunha decida intervención pública”. Desde a perspectiva do BNG, o Estado non pode facer isto adecuadamente se non conta cunha Banca Pública, función que podería cumprir o ICO se se lle dota da dimensión e funcións necesarias para iso.

Na actualidade o ICO é unha entidade pública empresarial que opera como un banco privado, que pode pedir préstamos ao BCE, o que non se fixo nos últimos anos, e que se financia nos mercados de capitais con emisións de débeda a longo prazo. Trátase pois dun banco público de investimento pero de reducido tamaño, pois en 2019 o seu activo era de 32 mil millóns fronte ao 503 mil millóns do  KfW alemán, o 554 mil millóns do Banco Europeo de Investimento ou o 181 mil millóns da  Caisse de  Dépôts.

O ICO presta, ben a través doutros bancos colaboradores, ou ben directamente de forma principal a grandes proxectos de investimento. Nestas operacións non recibe fondos dos Orzamentos Xerais do Estado nin subvencións, aínda que si traslada as subvencións a determinadas actividades ao cliente final en forma de menores tipos de interese. 

Segundo recolle entre os seus obxectivos, o propio organismo defínese como un “instrumento de política económica para promover o crecemento económico", pero dificilmente pode cumprir esa función cando o seu investimento crediticio en 2019 foi de 21.441 millóns de euros, o que supón tan só o 1% dos créditos totais concedidos no Estado español.

“O ICO debe dotarse adecuadamente e ser dimensionado nos seus recursos e funcións, para que poida facer fronte a novos retos. Desta forma podería cumprir un papel crucial para, por exemplo, apoiar o desenvolvemento equitativo de rexións e zonas  despoboadas, promover vivenda pública alcanzable en alugueiro, financiar investigación e, en xeral, atender ás pequenas empresas” destaca o deputado do BNG. Así mesmo, este organismo debe cumprir unha “función chave na dinamización da economía, atender ao financiamento de proxectos que permitan un retorno a medio e longo prazo”. 

Ademais debe “incrementarse tanto a extensión territorial, como os recursos humanos, e dotarse dun órgano de  goberno que garanta unha supervisión externa cualificada e plural con sistemas de supervisión e control” apunta Néstor Rego, “e tamén será necesario aumentar as por parte dos OXE”. 


Sen renunciar a unha Banca Pública Galega 

Tras coñecer os últimos datos relativos ao volume de créditos e depósitos publicados polo Banco de España, a formación nacionalista sinala que Galiza ten unha das peores relacións entre créditos e depósitos de todo o Estado. “Por cada 100 euros depositados, só 74 son destinados a crédito o que evidencia como o aforro na Galiza emigra e serve para fornecer créditos noutros territorios” apunta o deputado do BNG. 

Galicia tamén representa a peor evolución do volume de créditos pois, se comparamos as cifras coas de 2009, vemos que cae de 44,4% a 0,74%. “Estes datos demostra os efectos negativos que tivo para Galiza a reestruturación bancaria, a través dun deseño estatal e alleo aos intereses do pobo galego, coa perda de entidades financeiras propias” sinala Néstor Rego.

“Estes datos amosan de forma clara os graves efectos que tivo na Galiza a reestruturación bancaria que levou á perda de entidades financeiras propias” subliña o deputado do BNG, “e por iso é necesario deseñar medidas que favorezan que o aforro galego serva para fixar inversións no noso País”. “Por este motivo, o BNG aposta pola creación dunha pública galega que sirva de referente e minimice os efecto da actividade privada, orientada unicamente á procura de dividendos e máis beneficios” apunta finalmente Rego, “mais, sen renunciar a ese obxectivo, entendemos que no momento actual tamén o conxunto dos cidadáns do Estado precisan dunha verdadeira banca pública”. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias