El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Más noticias

AEROPORTO DE SANTIAGO

O BNG leva ao Congreso a vulneración de dereitos lingüísticos acontecidos no aeroporto de Santiago

09-09-2021 12:34:18

MADRID | O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, traslada ao Goberno do Estado a vulneración de dereitos lingüísticos que sufriron centos de persoas no aeroporto de Rosalía de Castro-Santiago de Compostela ao  presentar unha proba de antíxenos en galego, a pesar de que o resultado do test fose negativo. A formación nacionalista reclama ao executivo que emprenda accións para impedir que as compañías aéreas continúen a discriminar as persoas galegofalantes e intermedie para conseguir o recoñecemento do galego a nivel internacional.

Varias as persoas contactaron co BNG para denunciar a prohibición de viaxar a diferentes destinos internacionais desde o aeroporto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela por parte de diferentes aeroliñas que operan na capital galega. A razón que argumentaban para non permitir que embarcasen era que o test de antíxenos, realizados en diferentes farmacias, estaba en galego.

A normativa actual exixe que, para poder viaxar a lugares como o Reino Unido, debe presentarse un test de antíxenos con resultado negativo mais as compañías, como Vueling ou Ryanair, non aceptan os certificados redactados en galego. A negativa a aceptar o documento en que se recollen as probas practicadas por estar noutra lingua oficial distinta ao español supón un grave prexuízo ao implicar que as persoas afectadas “perdan o seu billete de avión por non poder embarcar no voo planificado e, mesmo as compañías, néganse a reembolsar o prezo do billete ao pasaxeiro”. 

“Esta actuación tamén está a provocar un grave prexuízo para moitas persoas, dificultando a reincorporación ao traballo ou aos estudos. Mais tamén se están vulnerando os seus dereitos lingüísticos como galegas que son, nun aeroporto internacional como é o Rosalía de Castro de Santiago de Compostela” explica o deputado nacionalista.

Frente a esta vulneración de dereitos, Rego rexistra preguntas para coñecer que medidas levará a cabo o Goberno do Estado para “impedir a continua vulneración dos dereitos lingüísticos das viaxeiras galegas que se están a producir”. Así mesmo, demanda a intervención do executivo estatal  para conseguir o recoñecemento do galego a nivel internacional e garantir o dereito das persoas galegofalantes a usar a lingua propia.

Lembrou que iniciativas similares se rexistraron xa no Parlamento da Galiza da man da deputada nacionalista, Mercedes Queixas, para exixir ao executivo galego que actúe de maneira contundente ante este tipo de discriminación. Tanto a Xunta de Galiza como o Goberno do Estado ten que actuar ante as autoridades británicas, tamén, para que, respectando a realidade do Estado, admitan documentos que acreditan a realización do test e o seu resultado negativo.

“O executivo do Estado ten que dar as instrucións necesarias para que as compañías aéreas que operen en territorio do Estado español non vulneren os dereitos lingüísticos da cidadanía e impidan o acceso a bordo dos avións por presentar certificados negativos noutro idioma oficial que non sexa o español” subliña Néstor Rego. Reclama, ademais, que traslade o número de casos que se produciron nos aeroportos da Galiza e que o executivo explique que xestións se realizaron coas persoas afectadas por este tipo de discriminación para axudalas. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias