MADRID | O deputado do BNG, Néstor Rego, rexistra no Congreso
iniciativas para que o Goberno negocie coa Xunta para coñecer as
necesidades e especificidades da Galiza no deseño dos ecoesquemas da PAC para
lograr unha mellor adaptación da nova regulación. A formación nacionalista
alerta da repercusión que terá o cambio que afectará a un 20-30% do orzamento coa
desaparición do pago verde e que afectarán negativamente á gandaría e
agricultura galega.
A nova
Política Agraria Común para o período 2023-2027 ten previstas novas exixencias
medioambientais e contará con cambios de concepto en diversas cuestións que
afectarán ás persoas beneficiarias das axudas. Un mínimo de 20% das axudas
directas aboaranse por medio dos chamados “ecoesquemas” que son liñas de axuda
orientadas a primar prácticas que contribúan a mellorar a biodiversidade e a
loitar contra o cambio climático.
O
deseño dos ecoesquemas, incluído o orzamento no primeiro pilar da PAC a través
do fondo FEAGA, corresponde a cada Estado membro e deberá contar coa aprobación
de Bruxelas. Terán que ser medidas diferentes das que figuran nas axudas
agroambientais do segundo piar.
“A
primeira proposta de ecoesquema elaborada en 2020 polo Ministerio de
Agricultura, Pesca e Alimentación presentaba escasas opcións para as explotacións
galegas xa que non estaban tendo en conta as especificidades propias das
estruturas agrarias da Galiza” explica o deputado do BNG. Esta primeira
proposta foi mellorada e “permitiría unha mellor adaptación as características
do campo galeo mais é posíbel incrementar a súa harmonización”.
Neste
sentido, a organización frentista reclama que exista un diálogo entre Goberno
do Estado e Xunta para lograr que o deseño final do ecoesquema se adapte as
necesidades da agricultura e gandaría na Galiza e se logre unha mellor
adaptación da nova regulación. “O MAPA anunciou que aprobará os ecoesquemas a
comezos de 2022 polo que é vital coñecer cal será o contido dos mesmos e
comprobar se incorporan as especificidades da agricultura e gandaría da Galiza”
salienta Rego.
“Debe
evitarse que, como noutras ocasións, o deseño dos Plans Estratéxicos se
realicen primando as particularidades propias de outros territorios do Estado”
reivindica o deputado nacionalista. Así mesmo, coa implantación dos novos
ecoesquemas desaparecerá o antigo pago verde polo que o BNG reclama ao
Ministerio que incorpore un contido que permita aos gandeiros galegos acollerse
aos novos deseños e deste xeito minimizar os efectos negativos da nova
regulación. Departamento de comunicación