SANTIAGO DE COMPOSTELA | A viceportavoz parlamentaria do BNG,
Olalla Rodil presentou corenta propostas nacionalistas ao Debate do estado da
Nación centradas “na potencialidade de Galiza e pensando nun país ao grande”. Tras destacar que o discurso “firme
e crítico” da portavoz nacional, Ana Pontón constatou que o BNG é a alternativa ao Partido popular, Rodil recalcou
que Galiza conta “cunha grande potencialidade e riqueza” para saír da crise e
mellorar as condicións de vida e traballo. Para isto, dixo, é preciso “pensar o
País ao grande fronte a un presidente da Xunta sen ideas e facendo de oposición
ao BNG”. Escoitamos a un Feixóo nun “ton bronco, nervioso e mediocre” e que se
move entre a submisión a Madrid e a Casado e a confrontación “estéril” co
goberno de Pedro Sánchez, utilizando a Galiza como “arma partidista a favor dos
intereses electorais do Partido popular e os lobbys económicos amigos” como
Iberdrola, Audasa, Ence ou DomusVi.
Para aproveitar esa riqueza e potencialidade
e poñela ao servizo de todos os galegos e galegas, explicou a nacionalista,
dende o BNG presentamos corenta propostas de resolución con dez obxectivos estratéxicos
para pensar “Galiza ao grande, sen conformismos e sen resignación”. Neste
sentido, destacou a necesidade de acadar máis “autogoberno” para que as
decisións políticas non se tomen a 600 km polo que reclamamos as transferencias
pendentes e crear unha ponencia para un novo status político abrindo un debate
político cunha ampla representación social e económica.
Novo
modelo de financiación
Para financiar a recuperación,
afirmou urxe poñer en marcha un novo modelo de financiamento que garanta recursos
suficientes para soster os servizos públicos. “Propomos un novo marco económico
e financeiro” que “amplíe a porcentaxe de impostos cedidos, reclame a cesión
doutros novos como o imposto de sociedades e que as empresas que explotan os
nosos recursos naturais tributen aquí e non en Madrid”.Por
outra parte, engadiu, propoñemos unha Estratexia galega consensuada sobre os fondos
Nex Geration porque serán os únicos recursos extraordinarios para financiar a
recuperación.
Rescate do sector
industrial
Neste
ámbito defendemos un Plan de fomento da
actividade tecnolóxica e industrial co obxectivo de elevar a participación do
sector industrial no PIB de Galiza até o 25% no horizonte 2030. Promover un
tecido industrial orientado á creación de valor engadiu e emprego de calidade
en sectores estratéxicos da economía galega como a automoción, o naval, a robótica,
o téxtil, o químico-farmacéutico ou os tradicionais agro, pesca e forestal. Tamén
propomos elaborar unha “Estratexia galega de Emprego 2025” que impulse a
creación de 50 mil postos de traballo en sectores –non só industriais-
vinculados ás grandes transformacións que están en marcha. Novos perfís profesionais que permitan o
relevo xeracional no sector primario; a dixitalización inclusiva; a
robotización e a IA, a rehabilitación ou a ciencia e a investigación e con
especial fincapé nos colectivos da mocidade e mulleres.
O
noso decálogo, anunciou a parlamentaria inclúe a creación dunha Mesa para un pacto galego pola enerxía, compensar a
Galiza como produtora de electricidade, unha estratexia galega e xusta para a
transición enerxética e deseñar un modelo eólico sustentábel, xusto e galego.
Reforzar
os servizos públicos
200 millóns de euros máis para Atención
primaria, un novo modelo de coidados
centrado nas persoas e nos coidados de
longa duración reforzado cun novo modelo
de residencias que acabe co negocio e blinde o dereito a unha vellez digna.
Ciencia e Investigación como motor de
desenvolvemento
Propoñemos
destinar o 3% do orzamento de 2022 en
I+D+i, crear o Innogal como programa para a retención e captación de talento e
impulsar un programa de investigación e innovación empresarial que estimule e
apoie o investimento en I+D do sector privado, a transferencia de coñecemento e
a modernización tecnolóxica do tecido empresarial galego.
Emerxencia Climática
Defenderemos
elaborar unha Lei galega contra o cambio climático acompañada dunha Estratexia
da Auga 2030 coa retirada inmediata do “sobrazo
que suporá para as galegas e galegos o anteproxecto de lei da Xunta".
Avanzar nunha sociedade xusta, igual e libre
de violencias machistas
Rodil,
ao igual que fixera onte a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón salientou a necesidade de establecer un “cordón
sanitario aos discursos de odio que son a mecha detrás do repunte das agresións
lgbtfóbicas que se están a producir non só en Galiza senón no conxunto do
Estado”.Asemade,
o BNG propón destinar o 1% do orzamento
para os programas de loita contra a violencia machista e garantir que o dereito
ao aborto se exerce na sanidade pública.
Lingua e cultura
Entre
as proposta neste eido, figuran: destinar o 2% dos fondos NGUE para os sectores
culturais, impulsar a Lei do Fondo
Cultural galego e recuperar o consenso
a favor do galego que rompeu en 2009 o Partido Popular. “Hai que derrogar o
decretazo e devolver o galego ao ensino como lingua vehicular”, enfatizou. Finalmente,
a deputada apelou ao desenvolvemento dunha democracia “de máis calidade”
sustentada na eliminación das portas xiratorias, unha reforma fiscal que
persiga o fraude, maior participación da cidadanía con referendos sociais e o
rescate dos medios de comunicación públicos galegos. Departamento de comunicación