SANTIAGO DE COMPOSTELA | A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, inaugurou hoxe na sede
da EGAP unha xornada conmemorativa baixo o título "Galicia. Corenta
anos de autonomía (1981-2021)", xunto ao presidente do Parlamento de
Galicia, Miguel Ángel Santalices, e ao conselleiro maior do Consello de
Contas, José Antonio Redondo López.
Durante o acto inaugural, a directora da EGAP destacou que a
aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia posibilitou consolidar
unhas institucións fortes e ao servizo da cidadanía e, en consecuencia,
ofreceulles ás galegas e galegos altas cotas de estabilidade social e
económica. Ademais, Sonia Rodríguez-Campos fixo fincapé no cambio
positivo que experimentou Galicia nos últimos 40 anos no plano social e
económico, que contribuíu ao progreso e ao benestar da cidadanía.
Así
mesmo, incidiu en que, máis alá dos compoñentes emocionais ou
identitarios, o Estatuto de Autonomía é un instrumento vivo, con amplo
alcance e repercusións na forma na que nos organizamos como sociedade,
nas institucións das que nos dotamos, e na forma na que se ditan as
normas e se fan cumprir.
Para finalizar, a directora da EGAP
sinalou a importancia desta xornada na que, “ademais de conmemorar un
pasado decisivo na historia de Galicia, haberá tamén lugar para a
reflexión e o debate acerca do futuro que queremos para o noso país, así
como para homenaxear a todas aquelas persoas que ao longo da nosa
historia traballaron incansablemente para situar a Galicia no lugar que
merece”.
A primeira sesión continuou coa proxección do vídeo conmemorativo
“Galicia. Corenta anos de Autonomía”. Para rematar a sesión matutina,
tivo lugar unha mesa redonda, dirixida polo xornalista Bieito Rubido,
que contou coa intervención do profesor de Dereito Constitucional da
Universidade de Santiago de Compostela (USC) e analista político,
Roberto Blanco Valdés; o deputado autonómico na primeira lexislatura,
conselleiro da Presidencia do primeiro goberno da Xunta de Galicia e
profesor de Ciencia Política e da Administración da USC, Xosé Luis
Barreiro Rivas; e a profesora de Dereito Administrativo da USC, Alba
Nogueira López, baixo o título “Significado da aprobación dun Estatuto
de Autonomía para Galicia: do autogoberno ao deseño da arquitectura
institucional”.
Na sesión vespertina, a mesa redonda dirixida pola
interventora xeral da Xunta de Galicia, Almudena Chacón Pichel; na que
participarán o profesor de estrutura económica da UDC e presidente da
Asociación de Economía Mundial, Xulio Sequeiros Tizón; a redactora xefe
de La Voz de Galicia, Sofía Vázquez García; o político e profesor do
departamento de economía aplicada da USC, Xaquín Fernández Leiceaga; e a
profesora de economía cuantitativa da USC, Maite Cancelo Márquez;
tratará o tema da descentralización territorial como punto de inflexión
do desenvolvemento económico da nosa Comunidade Autónoma.
O día
19, no Hostal dos Reis Católicos, representantes parlamentarios das
distintas formacións políticas debaterán en torno aos retos, cuestións
latentes e propostas de futuro do Estatuto. Para pechar a xornada o
presidente Alberto Núñez Feijóo, xunto cos ex-presidentes Fernando
González Laxe y Emilio Pérez Touriño abordarán o futuro do Estado
autonómico e a evolución política e social de Galicia.