SANTIAGO DE COMPOSTELA | A
portavoz nacional, Ana Pontón, pechou o período de reflexión, -“profunda e sosegada”-, anunciando a
súa disposición a liderar o recto colectivo que ten por diante o BNG: construír
un proxecto gañador capaz de disputarlle a hexemonía ao PP e liderar o Goberno
de Galiza en 2024, desde a máxima convicción, entrega e ilusión.
“A importancia do reto
que temos por diante é tal que para min non era posible deixarme levar pola
inercia, nin pola compracencia, porque acomodarse cando está en xogo o futuro
de Galiza tería sido un erro maiúsculo e, seguramente, un lastre no reto
colectivo que temos por diante”, explicou Pontón, quen destacou que o Bloque
vai abrir un novo ciclo político tras a Asemblea Nacional do 7 de novembro, toda
vez que hoxe é a segunda forza política do País.
Pontón considera que é
“obriga” dunha forza política e dos seus dirixentes facer un lectura acertada
de cada momento, para seguir gañando a confianza de máis galegos e galegas, “de
aí nace o meu proceso de reflexión”, declarou. Reflexión persoal que,
“humildemente” tamén quería servir para “testar” se a base do nacionalismo
compartía a importancia do reto, “pois non se trata de conseguir unha presa
máis de escanos, senón de liderar Galiza”.
Neste sentido, a
portavoz nacional decide pechar a súa reflexión dando un paso adiante “con toda
a convicción e con toda a ilusión”, tras comprobar “que hai unha amplía maioría
que comparte ese obxectivo de traballar para disputarlle a hexemonía ao PP e
encabezar o Goberno do País en 2024”.
Por primeira vez, o BNG
pode afrontar “con garantías de éxito” o obxectivo de abrir un tempo novo desde
a Presidencia, “porque hai un sentimento
nacional moi forte e o noso traballo consiste precisamente en traducir ese sentimento en apoio político, social e
electoral”.
Por iso confirma a súa
disposta seguir sumando para construír un
proxecto gañador, se así o decide a militancia. “Son das que penso que a
política non consiste só en ter razón, senón en construír un proxecto ganador,
o que só é posible se a cidadanía che da a razón. E isto é o que colectivamente
queremos lograr no BNG: construír un proxecto gañador para liderar o Goberno de
Galiza”.
Pontón encabezará a
candidatura que o Consello Nacional aprobará este sábado e que será sometida a
referendo da militancia na XVII asemblea nacional, cita que dará paso a un novo
ciclo político no que, en primeiro lugar, hai que seguir fortalecendo a
organización e ensanchar a base social,
porque sen esta fortaleza todos os avances “terían os pés de barro”.
Igualmente, hai que seguir avanzando nas eleccións municipais, “enfrontándoas
con decisión e coa convicción de que os nosos proxectos municipais poden chegar
á maioría social”; hai que aumentar a representación nas Cortes do Estado, “como
garantía de defensa dos intereses dos e das galegas”. Todos obxectivos claves
no camiño ao gran reto de presidir o
Goberno do País en 2024.
"Non son das que se quedan a medias"
Pontón salientou que
non vai escatimar esforzos para ganar unha nova Galiza: “Non son das que se
quedan a medias e vou dar o mellor de min, sen escatimar esforzos, coa máxima entrega,
con optimismo e con ilusión para darlle os galegos e ás galegas un Goberno
capaz de construír un futuro de esperanza, un goberno, en definitiva, que pense
Galiza en grande como este gran País que somos e no que temos dereito a soñar e
facer realidade os nosos soños”.
A portavoz nacional
trasladou o seu agradecemento a todas as persoas, tanto dentro fora do BNG,
que desde a sinceridade e desde a
xenerosidade, compartiron con ela diagnose, ideas e propostas aportando e
enriquecendo a súa reflexión.
“Compañeiros e compañeiras
con responsabilidade orgánica e política; militantes de base, homes e mulleres
que están a pé de rúa nos concellos, nas vilas e nas cidades; eles e elas son a
gran fortaleza desta organización. E tamén todas as persoas que non militan no
BNG pero consideran que o futuro do País pasa por un BNG forte e cada vez máis
amplo, representantes dos diferentes ámbitos da sociedade, de economía, do
traballo, dunha Galiza plural e diversa disposta a loitar por un futuro mellor”, dixo. Departamento de comunicación