CERCEDA | Ardán
volve a recoñecer a Sogama como empresa referente na economía, un logro
estreitamente vinculado á boa xestión da entidade. A compañía acaba de
recibir os diplomas que acreditan o cumprimento dos indicadores Ardán
correspondentes a Empresa Circular e Empresa Igual en Xénero 2021.
Tal
e como asegura na súa comunicación oficial o Consorcio da Zona Franca
de Vigo, “soamente un 5% das máis de 30.000 empresas analizadas en
Galicia consegue superar os esixentes criterios para obter estas
certificacións”.
O
estudo sinala que esta empresa pública adscrita á Xunta de Galicia ten
un impacto positivo na competitividade global e constitúe unha parte
esencial do armazón produtivo da nosa comunidade, dada a súa capacidade
para xerar riqueza, crear emprego, atraer e reter talento, e contribuír
ao benestar, tanto presente como futuro, dos cidadáns.
Máis dunha decena de recoñecementos
Sogama
xa foi distinguida por Ardán en exercicios anteriores. En 2017, como
compañía referente en boas prácticas empresariais; en 2019, como empresa
innovadora e xeradora de riqueza; en 2020, ademais de reafirmarse no
ámbito da innovación e a alta produtividade, tamén recibiu o certificado
de empresa circular, atributo que reforza en 2021. Enxálzase así a súa
estratexia de economía circular, poñendo en valor as distintas
colaboracións establecidas cos grupos de interese e a incorporación de
criterios circulares no consumo de recursos e, en xeral, no conxunto dos
seus procesos produtivos.
Así
mesmo, obtén o indicador en Empresa Igual en Xénero ao presentar altos
valores en igualdade laboral, medida en tres dimensións: igualdade de
funcións, igualdade de retribucións e igualdade por actuacións. Estes
recoñecementos súmanse a galardóns tales como o Premio Cantábrico
Excelente 2015 e o Premio O Suplemento 2016 no ámbito da xestión
ambiental, figurando como empresa destacada no Atlas Galego en Bo
Goberno e empresa comprometida co Medio Ambiente 2020, promovido por
Economía Dixital. Das
sesenta compañías analizadas, destacan 20 galegas, posicionándose
Sogama como novena no apartado de bo goberno e como cuarta en relación
ao compromiso co medio ambiente.
Sustentabilidade ao alza
A
sustentabilidade constitúe o principal aceno de identidade de Sogama,
toda vez que consegue integrar, de forma equilibrada, a protección
ambiental (valéndose dunha xestión industrial punteira que dotou á
Sociedade de maior eficiencia); o crecemento económico e a xeración de
riqueza (a través da creación de 1.000 postos de traballo, entre
directos e indirectos); e a dimensión social (contribuíndo a formar,
concienciar e sensibilizar á poboación nas boas prácticas ambientais
ligadas ao consumo responsable, así como á redución, reutilización e
reciclaxe de residuos urbanos). Departamento de comunicación