El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Nacional

GALICIA | POLÍTICA

O BNG presenta preto de 280 emendas por valor de 1.500 millóns

Reserva unha partida para intervir Alcoa.

12-11-2021 15:53:55
Ana Pontón, líder do BNG.

SANTIAGO DE COMPOSTELA | O BNG quere mellorar o trato que os orzamentos do Estado dan a Galiza e para iso presentou un total de 278 emendas por importe de 1.500 millóns de euros. Unha vez máis, a defensa “férrea” dos intereses do País é a única motivación da formación nacionalista, que atribúe a esa defensa o feito de que os OXE para 2022 presenten unha cifra de investimento máis alta que fai un ano.  

“A coherencia na defensa de Galiza da resultados”, subliñou a portavoz nacional, Ana Pontón, quen considera que o punto de partida é válido pero insuficiente, de tal xeito que “a día de hoxe os orzamentos presentados polo Goberno central non teñen o si do BNG”. Por iso, indicou, empraza ás forzas que integran o Executivo de Pedro Sánchez a “sentarse” a negociar para incrementar os investimentos.  

Foi o deputado no Congreso, Nestor Rego, quen explicou as catro grandes áreas nas que se concentran as emendas nacionalistas: infraestruturas, crise industrial, medio ambiente e políticas sociais e fiscais. “Agora corresponde ao Goberno mover ficha e demostrar que hai unha mudanza de posición e que se trata con xustiza a Galiza”, indicou, “e iso pasa por un investimento que compense o déficit histórico, pasa porqueue a totalidade dos impostos que pagamos aquí repercutan na mellora das condicións de vida e de benestar de todos os galegos e galegas”.  

No detalle das emendas no apartado de infraestruturas, Rego citou a modernización das conexións ferroviarias, tanto no norte como no sur, destacando a importancia da conexión con Portugal e do enlace directo por tren entre Santiago e Lugo. Igualmente, poñer en marcha un servizo de tren de proximidade e, no ámbito da rede viaria, subliñou as propostas para mellorar a N-550 que vertebra todo o eixo atlántico.  

Outro importante paquete de emendas recolle medidas para superar a crise industrial, destacando a emenda de 200 millóns de euros para sufragar a intervención pública de ALCOA ou a de 100 millóns para transformar Navantia nun auténtico complexo industrial, no que a construción naval civil xogue un papel protagonista. Igualmente, explicou as emendas a favor dunha transición enerxética xusta naqueles concellos e comarcas máis afectadas, citando como exemplo a proposta de instalar nas Pontes un centro de I+D+i  “focalizado” no almacenamento de enerxía.
 
As medidas vinculadas á preservación ambiental teñen un papel destacado, como por exemplo os 100 millóns para a rexeneración das Rías e, en materia de política social e de xustiza fiscal, Rego subliñou os 200 millóns para cubrir a débeda histórica en dependencia, solucionar a dobre tributación a 200.000 emigrantes retornados,  baixar o IVE a determinados produtos e servizos básicos e incrementar o imposto de patrimonio a partir dun millón de euros.


Todas as opcións están abertas  

Neste ámbito, o BNG tamén propón subir as pensións mínimas até equiparalas con SMI, tendo en conta que Galiza ten as segundas prestacións máis baixas do Estado, e a posta en marcha de xulgados específicos contra a violencia machista en Santiago, Ourense e Lugo.  

“Neste momento todas as opcións están abertas e a nosa posición de voto definirémola cando saibamos como fican os investimento na Galiza”, salientou Rego, indicando que ao BNG lle gustaría poder votar si, “porque iso significaría que os orzamentos do Estado son bos para Galiza”.  
Unhas contas xerais que, como indicou a portavoz nacional, no se reducen só a unha cuestión de cifras senón que tamén definen liñas básicas de actuación do Executivo central que preocupan ao BNG. “Preocúpanos que anuncien novos recortes nas pensións, os bandazos arredor da derrogación da reforma laboral, que a Lei mordaza siga intacta ou que ante a escalada de prezos non se tomen medidas eficaces para conter a subida da luz”, argumentou Pontón.  

Unha lista de preocupacións ás que a líder do Bloque engadiu o lamentable episodio da renovación parcial dos órganos xudiciais no que, grazas aos votos de PSOE e Podemos, prosperou a proposta do PP para que o maxistrado Enrique Arnaldo se sente no Tribunal Constitucional pese a estar inmerso en casos de corrupción, “non son eles quen tragan o sapo, fanllo tragar a cidadanía”, subliñou. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias